CLUB DE ESCOITA. A ESCOITA CONSCIENTE COMO PRÁCTICA ARTÍSTICA E ACTO COMUNITARIO
Vivimos nun momento no que a música está en todas as partes e, ao mesmo tempo, xa non se escoita. As plataformas dixitais fragmentaron a experiencia de escoita en pezas illadas, optimizadas para a atención breve e a reprodución continua. Club de escoita propón recuperar a escoita profunda como experiencia colectiva.
Esta iniciativa nace da alianza entre dous espazos culturais históricos de Santiago de Compostela —o CGAC e o Modus Vivendi— que comparten a vontade de xerar contextos de atención, encontro e comunidade arredor da cultura.
O proxecto desenvolverase en dous formatos complementarios que culminarán cun concerto no auditorio do CGAC. As persoas participantes nos dous espazos converteranse en impulsoras colectivas do evento: un grupo de descoñecidos e descoñecidas, unido pola experiencia da escoita atenta, agasallará a cidade cun concerto que se desmarque do ruído, da lóxica festiva e do espectáculo para propoñer outra forma de encontro coa música.
No Modus Vivendi, o último domingo de cada mes, terá lugar a escoita silenciosa e completa dun disco revelado no momento. Tras unha breve introdución, o disco escoitarase de inicio a fin, e dará paso a unha conversa centrada nas emocións experimentadas máis que na análise musical.
No CGAC, o punto de partida non será un disco senón unha obra. As pezas das exposicións en curso ou a arquitectura de Álvaro Siza funcionarán como portada, serán o impulso visual e conceptual que inspire unha lista de reprodución construída especificamente para cada sesión. A música amplifica o que a obra suscita; a obra orienta o que a música revela. Dúas linguaxes que se escoitan mutuamente.
Cada sesión irá acompañada dunha guía de escoita en formato zine, deseñada e producida por Santi Araújo para cada ocasión.
SANTIAGO ARAÚJO (Ponteareas, Pontevedra 1983) é músico, compositor e xornalista. Formouse en produción audiovisual e ten catro discos publicados no selo Ernie Records: Canciones para bailar (2024), Suelta Ø Muerde (2022), Catedral (2019) e Esto es normal (La Familia, 2011). Dirixe o Club de escoita (2025-2026) e colaborou en programas de radio de ámbito nacional en emisoras como RNE e Onda Cero. Publica o boletín sobre música, tecnoloxía e cultura dixital 5 cosas que descubrí esta semana.
PROGRAMA NO CGAC
As sesións comezarán ás 20:15 e terán unha duración de entre 35 e 50 minutos cada unha.
19 outubro 2026. Prazo de inscrición: 7-15 outubro 2026
18 novembro 2026. Prazo de inscrición: 6-16 novembro 2026
22 febreiro 2027. Prazo de inscrición: 12-18 febreiro 2027
16 marzo 2027. Prazo de inscrición: 5-12 marzo 2027
20 maio 2027. Prazo de inscrición: 5-18 maio 2027
* O número de prazas variará en función da capacidade das salas de exposición.
PROGRAMA NO MODUS VIVENDI
As sesións comezarán ás 17:00 e terán unha duración de entre 60 e 75 minutos cada unha.
25 outubro 2026
29 novembro 2026
20 decembro 2026
31 xaneiro 2027
28 febreiro 2027
28 marzo 2027
25 abril 2027
30 maio 2027
INSCRICIÓN NO CGAC
A actividade é gratuita e está dirixida a calquera persoa interesada na cultura contemporánea. O número de prazas variará en función da capacidade das salas de exposición. As persoas interesadas deberán enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal dentro do prazo indicado para cada sesión. Nela deberán incluír os seguintes datos: nome, apelidos, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Poderase inscribir un máximo de dúas persoas mediante cada solicitude (é preciso indicar todos os datos de cada participante).
INSCRICIÓN NO MODUS VIVENDI
A actividade está dirixida a calquera persoa interesada na música. O número de prazas é de 20 persoas por sesión. As persoas interesadas poderán inscribirse enviando os seus datos a pubmodusvivendi@gmail.com.
