CONFERENCIA SOBRE ARQUITECTURA AO REDOR DA OBRA DE EVA LOOTZ 'FORM FINDING'. FREI OTTO, UN HOME LIBRE
Sala do Padroado, 19 h
Entrada libre e gratuíta
Con motivo da clausura da exposición Cut Through the Fog o CGAC organiza unha charla sobre arquitectura vinculada á obra da artista Eva Lootz. Fermín Blanco emparentará as procuras sobre a forma, o material e os procesos xenerativos dunha artista plástica coa produción dun arquitecto.
Fiel á tradución literal do seu nome, Frei Otto caracterizouse por ser un home libre no exercicio da súa profesión. A súa obra e o seu pensamento manteñen unha coherencia ao longo da súa carreira sempre diluíndo as fronteiras entre disciplinas xa sexa a arquitectura, a bioloxía, a enxeñería ou a socioloxía. Todos estes campos interesáronlle e influíron nel do mesmo xeito que a convulsa realidade histórica que lle tocou vivir nunha Alemaña desfeita e reconstruída, partida e reunificada que lle fixo perder a fe na arquitectura consolidada, pesada e eterna. Da man do pensamento científico emprendeu unha interminable procura de solucións cheas de enxeño e eficiencia, en pos dun ideal de arquitectura lixeira, adaptable e efémera.
Na súa conferencia Fermín Blanco proponnos un achegamento retrospectivo ás investigacións desenvolvidas por Frei Otto a través do Institut für leichte Flächentragwerke (Instituto de Estruturas Lixeiras) da Universidade de Stüttgart relacionándoo co interese de Eva Lootz polo comportamento, as propiedades e as posibilidades expresivas dos materiais. Arte, ciencia e tecnoloxía unidos por un fío argumental que nos achegará ao pensamento dos seus impulsores.
Audio da conferencia [castelán] (Fermín Blanco, 26 de xaneiro de 2017)
Fermín Blanco é doutor arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid e arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Valladolid. A súa traxectoria profesional está impregnada polo carácter educativo e divulgativo dos seus proxectos sempre nun ámbito híbrido entre disciplinas. Desde o curso 2011 é profesor de Construction Systems na IE University.
Comeza a súa andaina profesional co arquitecto Manuel Gallego (2003-2006) e a partir de 2006 exerce a profesión desde o seu propio estudio de arquitectura na Coruña. Durante estes anos realizou exposicións, impartiu cursos e conferencias relacionados coa arquitectura, o deseño e a didáctica por gran parte da xeografía nacional e internacional: colexios de arquitectos de Madrid, Barcelona, Asturias, País Vasco, Navarra, Galicia ou Cádiz; museos e institucións culturais como Medialab-Prado, Patio Herreriano, MUSAC, Fundación Luís Seoane, Cerezales ou CGAC; universidades como a Universidade Politécnica de Madrid ou Escola Técnica Superior de Arquitectura do Vallès en Barcelona; e congresos como o internacional de Enxeñaría en Bangalore, India.
En 2008 patentou o Sistema LUPO, un sistema modular con fins didácticos que se industrializa en diferentes versións e serve como banco de experimentación do estudio. Os talleres e didácticas desenvolvidos desde esta multiplataforma forman parte dun proxecto encamiñado a profundar nos cambios educativos e na súa adaptación ao presente.
Máis información: www.ferminblanco.com / www.sistemalupo.com
DIRECCIÓN: Fermín Blanco
COORDINACIÓN: Virginia Villar
