Objetos

E, CON TODO, É MÚSICA. CLÁSICOS (IM)POPULARES DO SÉCULO XX curso de historia da música

21 Xaneiro 2027 - 22 Abril 2027
Xoves de 19:00h a 20:30h
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Beatriz Busto Miramontes

Sobre a arte do século XX (tamén sobre a do XXI) pesa un notable paradoxo: sendo o século máis impopular, é o máis popular dos séculos. Porén, a incomprensión arredor dos procesos de creación contemporánea na música non é un fenómeno que exclusivo destes dous últimos séculos, senón que é algo histórico. A música contemporánea, foi contemporánea en cada un dos períodos estilísticos que hoxe son considerados séculos dourados da arte musical. Ben fosen as disonancias de Monteverdi no século XVI, as asimetrías de Bach no XVIII, a fealdade beethoveniana de A gran fuga, ou a extravagancia de Berlioz na Sinfonía fantástica, o certo é que a procura da orixinalidade compositiva na música nunca foi un camiño fácil.

O obxectivo deste curso é espertar o interese e a fascinación pola música do século XX e facilitar un maior achegamento e comprensión das súas distintas manifestacións —desde a música de corte académico ata as de carácter popular, como a tradición oral, o jazz ou o rock—, así como dos lugares nos que unhas e outras conflúen ou se tocan.

Farémolo a través dunha aproximación divulgativa que nos permita reflexionar sobre a variabilidade histórica de conceptos como a beleza, o melodioso, o agradable ou o consonante. Poremos en valor as apostas que compositores e compositoras do século XX fixeron seguindo o pulso da exploración, da súa creatividade e da transcendencia, a través da súa obra; alentos humanos tan comúns a calquera contemporaneidade.

 

PROGRAMA

21 XANEIRO. Cando é “moderno”?

28 XANEIRO. Expansión/contracción

4 FEBREIRO. A emancipación da música

11 FEBREIRO. Arredor do primitivo

18 FEBREIRO. Cidade, maquinismo e cachifallos

25 FEBREIRO. 12

4 MARZO. Exóticos lugares

11 MARZO. Orde/azar

18 MARZO. O son sintetizado

1 ABRIL. A arte de repetir (a cargo de Valentín Benavides)

8 ABRIL. Futuros pasados do jazz (a cargo de Iván Iglesias)

15 ABRIL. Échotopies (a cargo de Xulia Feixoo)

22 ABRIL. Chispún?

 

BEATRIZ BUSTO MIRAMONTES (Santiago de Compostela, 1979) é mestra de Educación Musical, musicóloga e antropóloga. Durante máis de quince anos exerceu docencia musical en diversas institucións educativas, formando alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria e persoas adultas na Escola Municipal de Música de Santiago. Actualmente é profesora e investigadora de Antropoloxía Sociocultural na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. É autora dos libros Um país “a la gallega”. Galiza no NO-DO franquista, obra galardoada co Premio Follas Novas do Libro Galego e Pandereteiras de Mens. Adoita participar en congresos, conferencias, entrevistas e xurados profesionais para compaxinar a súa vocación docente coa investigación e a divulgación arredor da música oral e dos procesos de folclorización en Galicia.

VALENTÍN BENAVIDES GARCÍA (León, 1974) é compositor, director de coro e musicólogo. Traballa como profesor permanente laboral da Universidade de Valladolid e investiga os procesos de creación de compositores españois contemporáneos. 

IVÁN IGLESIAS IGLESIAS (Lalín, 1979) é musicólogo e saxofonista de jazz. Traballa como profesor catedrático da Universidade de Valladolid e investiga o jazz, a música popular e a política cultural durante a ditadura franquista. 

XULIA FEIXOO MARTÍNEZ (Vigo, 1987) é etnomusicóloga, percusionista e investigadora. Traballa como profesora asociada da Universidade de Valladolid e investiga sobre a música de tradición oral en Galicia e a foliada como fenómeno sociocultural contemporáneo.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

O curso está dirixido a calquera persoa interesada na historia da música e na cultura contemporánea.

 

INSCRICIÓN

O prazo de inscrición estará aberto desde o 29 de outubro de 2026 ata o 19 de xaneiro de 2027. As persoas interesadas poden enviar a cgac.educacion@xunta.gal unha mensaxe electrónica na que deberán indicar os seguintes datos: apelidos, nome, DNI, área de traballo, interese ou estudos, un enderezo electrónico e un número de teléfono de contacto. Unha vez aceptada a súa solicitude, as persoas rexistradas recibirán información sobre como facer efectivo o pago.

 

PRAZAS: 250
 
MATRÍCULA: 30 €

 

CERTIFICACIÓN

O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións do curso.