CAPS.A. Revista

EDICIÓNS ESPECIAIS: REVISTAS DE ARTISTA. Día Internacional do Libro 2025

23 Abril 2025 - 13 Xullo 2025
Antesala da biblioteca

Baixo o prisma da crecente importancia que as prácticas procesuais adquiriron na arte das últimas décadas, na actualidade as edicións de artista son consideradas obxectos de creación experimental por dereito propio. Constitúen, en por si, unha forma de expresión artística. Tal e como hoxe as coñecemos, xurdiron nos anos sesenta e o seu desenvolvemento está estreitamente vinculado ao contexto da arte conceptual. A maioría son autoeditadas ou foron publicadas por colectivos independentes, de xeito que nelas se dilúen os roles tradicionais de artista e editor. Isto supón a transformación dos obxectos nun campo de creación flexible e, nos máis dos casos, compartida; son os e as artistas os que controlan o proceso creativo e desenvolven o seu contido nos soportes máis dispares empregando diferentes técnicas que permiten o xurdimento de linguaxes alternativas. Nelas mestúranse texto, imaxe, colaxe e mesmo elementos tridimensionais, de maneira que se desdebuxan as fronteiras entre o libro, a obra de arte e o soporte editorial.

Esta mostra recolle unha serie de publicacións periódicas en diferentes formatos. Algunhas distribúense de maneira gratuíta e con formatos de edición barata, mentres que outras son facsímiles de revistas de principios do século XX. A arte, a creación o humor, a ironía, o posicionamento político ou incluso a ruptura dos espazos expositivos son algunhas das temáticas que amosan. Algunhas delas, como acontece coas revistas ensambladas, son moi visuais e transcenden a mera lectura dun texto que carece aquí da primacía e da importancia que a miúdo se lle outorga noutro tipo de revistas máis normalizadas ou comerciais. As formas, as imaxes, os obxectos e as texturas, pola contra, adquiren maior protagonismo e estimulan os sentidos para proporcionar experiencias singulares e producir mensaxes artísticas afastadas do marco institucional que representan as galerías, a crítica ou os museos.