Traballaremos con algunhas ferramentas propias da arte contemporánea como a reutilización de imaxes, os mapas, os arquivos, as instrucións ligadas á performance e ás estratexias espaciais. Centrarémonos nos proxectos sobre procesos sociais como a inmigración, as fronteiras e os refuxiados buscando afondar no traballo de distintos colectivos para enlazar finalmente con propostas biográficas ligadas á arte contemporánea.
1.- A paisaxe e a mirada. Alén dos estereotipos
2.- Derivas urbanas e non tan urbanas. A reflexión sobre o noso contexto máis próximo: o cotián, o urbanismo e o espazo público
3.- En proceso. Os procesos do traballo na arte contemporánea, a investigación que hai detrás do obxecto artístico e o táctil
4.- A arte require implicación. A mirada activa e o activismo
5.- O medo. A outredade e o diálogo
Empregaremos imaxes procedentes de arquivos e medios audiovisuais e tomaremos como referencia libros de artista, fanzines e novelas gráficas.
SILVIA GARCÍA GONZÁLEZ (Cangas do Morrazo, 1973)
É doutora en Belas Artes, artista visual, profesora de Belas Artes da Universidade de Vigo e, na actualidade, decana na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Como artista levou a cabo intervencións como A cidade dende dentro e A cidade dende fóra, na biblioteca da Facultade de Filosofía da USC e nunha escola abandonada en Bueu. No Museo de Arte Contemporáneo da Coruña participou na exposición Relatos privados e espazos públicos e na exposición Hacer, diseñar, pensar do Museo de Artes Decorativas de Madrid.
OBXECTIVOS
O obxectivo deste curso é a creación de espazos comúns entre os eidos da arte e da educación, converter a educación artística nun eixo aglutinador e empregar a arte contemporánea como recurso educativo fomentando deste xeito a aprendizaxe, a experimentación e o diálogo.
DESTINATARIOS
O taller está dirixido a profesores de educación primaria e secundaria.
INSCRICIÓN As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico antes do 25 de abril ao enderezo cgac.pedagogia@xunta.gal. As solicitudes deberán incluír os seguintes datos: nome completo, enderezo electrónico e teléfono de contacto da persoa que desexa participar. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán un correo electrónico de confirmación.
PRAZAS: 20 MATRÍCULA: De balde
CERTIFICACIÓN
O CGAC entregaralles un certificado ás persoas que asistan á totalidade das sesións.
COORDINACIÓN: Gema Baños
