recursolaxeiro.jpg

A FIGURA DE LAXEIRO. Simposio

25 Novembro 2022
De 17:00 a 20:00 h
Auditorio
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Real Academia Galega de Belas Artes
Prazas:
Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala

A Real Academia Galega de Belas Artes dedica o Día das Artes Galegas, 1 de abril de 2022, á figura do artista José Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro.

Con motivo desta celebración, e no marco dunha serie de actividades programadas ao longo do ano, este simposio ten a finalidade de afondar na obra do artista e de subliñar a súa relevancia no ámbito da arte galega e internacional do século XX.

A traxectoria vital e artística de Laxeiro (Lalín, Pontevedra, 1908 - Vigo, Pontevedra, 1996) cobre practicamente a totalidade do século pasado, e erixiuse, por dereito propio, un dos personaxes máis senlleiros do panorama galego das artes. A súa contribución á renovación da plástica galega, a súa proxección internacional e a influencia que tivo sobre as xeracións de artistas galegos máis novos xustifican a revisión e o estudo en profundidade da súa obra.

Intervirán neste simposio arredor da súa figura dous nomes relevantes do estudo e a crítica de arte do noso país, Carlos Bernárdez e Carlos Valle. O primeiro, en calidade de comisario da exposición Foi un home, que se centra no traballo de Laxeiro durante a súa estadía de vinte anos en Arxentina, entre os anos 1951 e 1970. O segundo, como autor dun libro de interese divulgativo acerca da obra do homenaxeado, encargado pola Academia e dirixido aos centros de ensino galegos. Ambos os dous compartirán co público a súa persoal visión sobre Laxeiro.

Manuel Quintana Martelo
Presidente da Real Academia Galega de Belas Artes

 

PROGRAMA

17:00 h.
PRESENTACIÓN
Interveñen: Santiago Olmo, Director do CGAC; Manuel Quintana Martelo, presidente da RAGBA e Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia

17:30 h.
LAXEIRO, ENTRE A AFIRMACIÓN E A DISOLUCIÓN DO SUXEITO
Conferencia a cargo de Carlos López Bernárdez 

18:15 h. 
PONTEVEDRA NA TRAXECTORIA CREATIVA DE LAXEIRO
Conferencia a cargo de Carlos Valle Pérez

19:00 h. 
MESA REDONDA
Interveñen: Carlos López Bernárdez e Carlos Valle Pérez

 

IMPARTEN

CARLOS LÓPEZ BERNÁRDEZ (Vigo, Pontevedra, 1958) é historiador da arte. Entre os seus libros destacan: Bestiario en pedra (2004), colaboración con X. R. Mariño Ferro; Breve historia da arte galega (2005); Maruja Mallo, a pintura da nova muller (2010); Do idilio á diáspora (2012); Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane (2016); Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega (2018) e Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta (2020).
Sobre Laxeiro, comisariou De Vigo a Bos Aires. Laxeiro e a arte galega de posguerra (2008); Son eu. Dezaoito autorretratos de Laxeiro (2020) e Foi un home. Laxeiro en América (2022).

CARLOS VALLE PÉREZ (Pontevedra, 1953) é licenciado e doutor en Historia da Arte, en ambos os dous casos coa cualificación de Premio Extraordinario, pola Universidade de Santiago de Compostela. Secretario-director adxunto (1981-1986) e director (1986-2018) do Museo de Pontevedra foi tamén vicepresidente (1989-1993) e presidente (1993-2001) da Confederación Española de Centros de Estudios Locales (entidade adscrita ao CSIC). É membro de número da Real Academia Galega de Belas Artes e correspondente das Reais Academias Españolas da Historia e de Belas Artes de San Fernando, de Santa Isabel de Hungría (Sevilla) e de Belas Artes de Portugal. Membro de diversos organismos científicos galegos, españois e internacionais, ademais é presidente da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e secretario do Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, promovido por Afundación. Ao longo da súa dilatada carreira foi comisario e co-comisario de numerosas exposicións, entre outras, a programada en 2008 polo Museo de Pontevedra para conmemorar o centenario do nacemento de Laxeiro. É autor de máis de duascentas publicacións e foi merecedor de diversas distincións e condecoracións polo seu traballo no ámbito das artes.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

Estudantes, profesionais e todas as persoas interesadas na Historia da Arte.