FOTOGRAFÍA FAMILIAR E MEMORIA. Taller de artista Mar Caldas
De 16:30 a 20:30 h
A fotografía de alguén a quen nos une un vínculo afectivo sempre vai demandarnos unha pregunta…ou varias. Neste obradoiro traballaremos coas fotografías familiares, observándoas con atención, recuperando o seu contexto, escrutando os detalles, fixándonos tanto no que está coma no que non está. Miraremos con lupa alén da imaxe, explorando o reverso, as marxes, reparando nas engurras, nas dobraduras, nas marcas ou nas inscricións. Buscaremos nas fotografías revelacións, historias non contadas, segredos familiares, retallos de lembranzas. Buscaremos respostas a esas preguntas recorrendo á nosa memoria ou á memoria dos nosos familiares e, se cadra, tamén procurando información en rexistros documentais. Completaremos os ocos da memoria con imaxinación, con creatividade, formulando hipóteses, poñéndonos no lugar da persoa fotografada. Elaboraremos textos que acompañen as imaxes, describíndoas, traducíndoas, facéndoas falar, completando o que nelas está silenciado, restituíndolles vida.
A percepción das nosas fotografías familiares cambia ao longo do tempo. Con estes achados afectivos, con estas microhistorias de cidadás e cidadáns comúns elaboraremos memoriais cun destino público. Instalaremos as imaxes-textos resultantes no parque de Bonaval, cubrindo os nichos do antigo cemiterio. A intervención neste lugar cambiará a función das imaxes: ao saír da súa contorna, á función de memorial privado que a fotografía cumpría no ámbito familiar superporase outra función, conmemorativa, social e pode que tamén política. O marco deste monumental cemiterio dotará de solemnidade as imaxes e as historias relatadas e amplificará o potencial das fotografías familiares espertando sentimentos de identificación e empatía nas persoas que as contemplen.
IMPARTE
Mar Caldas (Vigo, 1964) recibiu bolsas de creación artística como Novos Valores (Deputación de Pontevedra, 1992), VI Fotobienal (Concello de Vigo, 1993), Pilar Juncosa i Sotherby (Fundació Miró de Mallorca, 1996), Unión Fenosa (A Coruña, 1999) e Fundación Arte y Derecho (Madrid, 2000). A súa obra formou parte de exposicións de xénero e de revisión de prácticas feministas como A arte inexistente. As artistas galegas do século XX (Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1995), Marxes e mapas. A creación de xénero en Galicia (Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 2008), Genealogías feministas en el arte español, 1960-2010 (MUSAC, León, 2012), Alén dos xéneros. Prácticas artísticas feministas en Galicia (MARCO, Vigo, e Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 2017), Women in Work. Mujer, arte y trabajo en la globalización (UPV, Valencia, e UJI, Castellón, 2017) e Coidados, vulnerabilidades e dependencias. Olladas desde os feminismos (Rede Museística de Lugo, 2022).
PERSOAS DESTINATARIAS
O taller está dirixido a artistas, a estudantes de Belas Artes e disciplinas afíns, ao profesorado de Educación Artística e, en xeral, a calquera persoa adulta interesada na arte contemporánea.
INSCRICIÓN
O prazo de inscrición para participar no taller estará aberto do 20 de decembro de 2024 ao 22 de xaneiro de 2025.
As persoas interesadas poderán inscribirse enviando a cgac.pedagogia@xunta.gal unha mensaxe electrónica cos seguintes datos: nome e apelidos, DNI, área de traballo ou interese, enderezo electrónico e teléfono de contacto. Ademais, as solicitudes deberán ir acompañadas dun escrito de motivación e dun breve currículo da persoa aspirante.
Unha vez aceptada a solicitude, as persoas rexistradas recibirán as indicacións precisas para faceren efectiva a matrícula.
MATERIAL
O CGAC proporcionará o material necesario para o desenvolvemento da actividade. Con todo, é recomendable que aquelas persoas asistentes ao taller que dispoñan dun ordenador portátil equipado con software de procesamento de imaxe (Photoshop ou similar) o traian da casa.
CERTIFICACIÓN
O CGAC entregaralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.
