Habitar co debuxo. Obradoiro de Arte pública para reimaxinar

HABITAR CO DEBUXO. OBRADOIRO DE ARTE PÚBLICA PARA REIMAXINAR SAN PEDRO. Taller de debuxo

28 Xuño 2025
De 10:30 a 13:00 h

Realización do proxecto: Miguel Cuba Taboada
Coordinación:
Virginia Villar
Prazas:
15
Matrícula:
actividade de balde con inscrición previa

Un ano máis, o CGAC e a asociación veciñal A Xuntanza, colaboran na programación de actividades conxuntas para as festas do barrio de San Pedro.

Neste taller, farémonos eco do problema da vivenda que existe nas nosas cidades. Casas sen xente e xente sen casas. Edificios baleiros, alugueiros desorbitados e a veciñanza abocada a marchar á periferia e deixar atrás os seus barrios.

Nun debuxo, todo é posible; podemos repensar e reinterpretar a realidade co único límite da nosa imaxinación. O acto de debuxar estimula unha observación máis atenta da nosa contorna, axúdanos a reflexionar sobre o que vemos e permítenos apropiarnos do espazo simbolicamente.

Este obradoiro propón unha aproximación ao barrio de San Pedro co fin de reimaxinalo a través do debuxo e de lles dar unha segunda vida a aqueles edificios que actualmente se atopan desocupados ou abandonados.

Comezaremos a xornada achegando referentes coa proxección de imaxes de artistas que traballan co espazo arquitectónico desde o debuxo. Veremos exemplos de proxectos de arte pública que recuperan edificios abandonados. Daremos unha serie de consignas básicas sobre como abordar a realización dunha imaxe destas características.

Amosarémoslle ao grupo fotografías dos edificios que actualmente se atopan baleiros ou abandonados no barrio para que cadaquén escolla o que lle gustaría representar e intervir de xeito simulado. Xuntarémonos ao aire libre para retratar os edificios fotografados e dotarémolos dunha nova vida: podemos ilustralos habitados, ornamentalos, outorgarlles un novo uso ou proxectar posibles rehabilitacións a través do debuxo. A técnica é libre (lapis, tinta, acuarela, rotulador, carbón, etc). Unha vez rematados, pasearemos polo barrio en festa para ver os resultados no seu contexto e chamaremos a atención sobre as posibilidades que entrañan eses inmobles sen alma. Finalmente, dixitalizaremos os debuxos e xeolocalizarémolos no mapa xunto aos respectivos edificios para que convivan o real e o imaxinado.

 

MIGUEL CUBA TABOADA (Lugo, 1982) é doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde actualmente exerce como profesor e investigador no grupo DX5. A súa tese de doutoramento Debuxar, camiñar versa sobre varios dos seus ámbitos de traballo preferidos: a viaxe, a cidade e o percorrido urbano. A súa formación complétase con cursos de gravado (xilografía, transferencia, gravado calcográfico e litografía) do CIEC.

Ao longo da súa traxectoria, participou en mostras nacionais e internacionais e recibiu varias bolsas que lle permitiron realizar estadías artísticas no estranxeiro, concretamente, na Casa de Velázquez, no Colegio de España en París e na Academia de España en Roma. Así mesmo, foi galardoado en certames como o Isaac Díaz Pardo (2013), Xuventude Crea (2010 e 2012) ou Novos Valores (2009).

Como autor de banda deseñada, realizou Cara Roma (premiado cunha axuda á creación literaria do Ministerio de Cultura), A Day in the Life with… Drawall (Inky King Pulpo Press) e Punto de Fuga (Demo Editorial), obra que foi premiada cunha axuda da Xunta de Galicia. Participou tamén en publicacións colectivas como Contar un monte de oro (Nuevo Nueve) e O puño e a letra, interpretación en cómic da obra poética de Yolanda Castaño (galardoado como mellor cómic do ano 2019 en Galicia).

 

DESTINATARIAS

Persoas maiores de 18 anos afeccionadas ao debuxo

 

INSCRICIÓN

A participación no obradoiro é de balde. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a inscricionscgac@gmail.com, nela deberán indicar o seu nome completo, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. Poderán inscribirse un máximo de dous participantes por solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición.

 

PRAZO DE INSCRICIÓN

Do 10 ao 26 de xuño de 2025

 

MATERIAL

O CGAC achegará papel, lapis e goma. As persoas participantes poderán traer os seus propios materiais (pinceis, tinta, rotuladores calibrados, tabletas, soportes alternativos…).