Foto José Suárez
José Suárez: "Mariñeiros", 1936

JOSÉ SUÁREZ. Ollos vivos que pensan

18 Xuño 2026
17:00 h
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Gema Baños
Dirección:
Xurxo Lobato
Prazas:
Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala

A Real Academia Galega de Belas Artes dedícalle o Día das Artes Galegas 2026 a José Suárez (Allariz, 1902), o fotógrafo galego máis internacional. Cunha traxectoria marcada pola vangarda artística, Suárez estaba dotado dunha sólida formación intelectual e dun pensamento liberal e republicano. Formou parte do exilio provocado polo golpe de Estado do 1936 contra a República e a democracia. Ademais, foi cineasta e editor de tres libros: 50 fotos de Salamanca, con prólogo de Miguel de Unamuno (1932), Nieve en la cordillera (1942) e The Life & Death of the Fighting Bull (1967), con texto de John Marks.

Relacionouse con figuras destacadas da cultura como Miguel de Unamuno, Eduardo Blanco Amor, Luis Seoane, Rafael Alberti ou Akira Kurosawa, entre outros.

A súa obra fotográfica, influída pola Nova Obxectividade, caracterízase por unha mirada moderna, reflexiva e centrada na figura humana, afastada do folclorismo e próxima ás correntes europeas máis innovadoras. A súa figura, complexa e sensible, consolidouse como unha das máis relevantes da fotografía galega e como un referente artístico de dimensión internacional. O seu traballo sitúase no eido do fotodocumentalismo, pero sempre cunha mirada profundamente humanista. Tal e como el mesmo afirmaba: “No meu traballo sempre está o home ou, polo menos, a súa pegada”.

Nesta xornada arredor da obra de José Suárez no CGAC, que conta coa colaboración da Real Academia Galega de Belas Artes, Juan Manuel Bonet falará sobre a obra do artista e as influencias das vangardas, centrándose en tres etapas diferenciadas: o contexto da Segunda República, o exilio e o momento do seu retorno a España en 1959. Pola súa parte, Antón Patiño confrontará a mirada dun pintor coa obra fotográfica de “Pepe” Suárez. A xornada rematará cunha mesa redonda moderada por Xurxo Lobato na que participarán os profesores Miguel Anxo Rodríguez e José Luis Castro de Paz.

 

PROGRAMA

17:00 h Inauguración a cargo de Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes
17:15 h José Suárez. Fotógrafo galego, salmantino e tricontinental, conferencia impartida por Juan Manuel Bonet
18:15 h Ollos que pensan, conferencia impartida por Antón Patiño
19:15 h Mesa redonda coa participación de Miguel Anxo Rodríguez (A máquina, o traballo, o territorio) e José Luis Castro de Paz (Esperanzas e frustracións. O cinema de José Suárez). Modera: Xurxo Lobato
 

JUAN MANUEL BONET (París, 1953) é un escritor, crítico de arte e comisario de exposicións español. Ao longo da súa traxectoria ocupou cargos de gran relevancia institucional, como a dirección do IVAM, do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e do Instituto Cervantes. Na actualidade, preside a Fundación Archivo Rafael Cansinos Assens, o Comité Internacional da Fundación Vicente Huidobro e forma parte do padroado do Museo ABC. O seu labor crítico e curatorial centrouse en diversos movementos e contextos culturais, entre eles o surrealismo, o construtivismo polaco, a vangarda arxentina, o exilio republicano e a xeración artística dos anos oitenta.

ANTÓN PATIÑO (Monforte de Lemos, 1957) é artista e membro fundador de Atlántica. Desde os anos oitenta vén desenvolvendo unha importante actividade expositiva en galerías e museos dentro e fóra de España. Ten obra en diferentes museos e fundacións, entre eles o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o CGAC, o MEIAC, o MACBA, a Fundación “la Caixa” e Artium. Desenvolve así mesmo unha importante actividade teórica ao través de escritos e conferencias, con numerosos textos relacionados coa experiencia da arte.

MIGUEL ANXO RODRÍGUEZ (Vigo, 1970) é profesor de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, onde está especializado en arte contemporánea e teoría da arte. Ao longo da súa traxectoria investigadora desenvolveu estudos sobre escultura contemporánea, as relacións entre arte e ideoloxía, así como sobre políticas culturais. Na actualidade, coordina o proxecto de investigación PERMORIA. Performatividad del monumento, no marco do Plan nacional de investigación.

JOSÉ LUIS CASTRO DE PAZ (A Coruña, 1964) é catedrático de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, onde está especializado en historia e teoría do cinema español e galego. Ao longo da súa traxectoria investigadora desenvolveu estudos sobre o cinema clásico español, as relacións entre cinema e televisión, así como sobre a historiografía cinematográfica e o audiovisual galego. Na actualidade, dirixe o Centro de Estudos Fílmicos da USC (CEFILMUS), desde o que impulsa proxectos de investigación arredor da historia do cinema e a cultura audiovisual contemporánea.