KAGE WHERE K FOR KOTT. PERFORMANCE DO ARTISTA FILIPPOS TSITSOPOULOS

28 Novembro 2014

Filippos Tsitsopoulos(Atenas, 1967). É un artista multidisciplinar. Estudou Pintura na Universidad Aristoteleion de Tesalónica e posteriormente o doutoramento na Universidade Complutense de Madrid. As súas obras toman forma de instalación, vídeo-teatro e media art. Traballou no campo da instalación teatral interactiva, explorando os límites da performance, así como na pintura desde 1990. A súa práctica involucra o espectador/participante nun novo teatro ou ben nun sistema que busca incluír o teatro como un catalizador da nosa vida diaria. Na súa obra aplícalles ás artes visuais conceptos que pertencen ao teatro, tanto tradicional como contemporáneo, observando os efectos que estes poden producir na imaxe segundo o seu comportamento plástico. Mediante o uso de máscaras feitas por el mesmo con materiais orgánicos, animais e plantas, constrúe equivalentes paralelos que encerran e xustapoñen elementos temporalmente desproporcionados.

Desde 2005 Tsitsopoulos é tamén un dos colaboradores externos do Departamento de Educación do Museo do Prado, onde ensina Debuxo e Estética da Arte centrándose no tema da ironía, sobre o que investigou durante os seus estudos de doutoramento en Madrid.

Performance Kage where K for Kott

Este traballo enmárcase nun proxecto que inclúe unha serie de performances en vivo filmadas en espazos públicos, así como monólogos e reflexións baseadas en dous libros do teórico do teatro Jan Kott. Filippos Tsitsopoulos, que conviviu co teatro desde neno ao ser seu pai actor, utiliza fragmentos de libros de Kott como textos teatrais para reconstruír a vida imaxinaria do autor en Londres. A través da acción de Filippos Tsitsopoulos, Jan Kott volve visitar os lugares dun teatro interior de toda unha vida chea de actuacións e vendo arte no tempo físico que transcorre nun día.


O teatro é un medio para entender o mundo. Aínda que estudei artes visuais e pintura, o teatro achegouse, era inevitable, e todo o meu amor polas máscaras, as capas de cebola dunha interpretación, fíxome saltar desde a pintura á parada de autobús máis próxima ao teatro, a performance. Jan Kott e os seus ensaios axudáronme a entender o que significa atopar o non evidente na evidencia e a evidencia no non evidente.


O proxecto comeza mentalmente na miña terra natal e na miña casa e transpórtase a unha terra teatral que é Londres, onde agora vivo. Uso como escenarios galerías, teatros, pubs e institucións británicas, piares da arte actual, e neles creo monólogos e reflexións sobre o teatro e a vida, pretendendo ser o señor Kott. Actuar significa sobrepoñer a túa cara a outra nova e con ela encarnar a alma de alguén. Utilizo máscaras como un dos elementos favoritos do Verfremdunseffekt* de Jan Kott e reconstrúo a súa cara e a súa alma imaxinaria.

Filippos Tsitsopoulos


Kafka e o seu relato Ein Käfig ging einen Vogel suchen (Unha gaiola foi na procura dun paxaro), amplamente explicado nos ensaios de reflexión teatral de Kott, converteuse no proxecto performativo Kage- where K for Kott que o artista levou xa a máis de sesenta localizacións, teatros e institucións londinienses.

* Verfremdungseffekt: termo alemán introducido por Bertolt Brecht que alude ao efecto de distanciamento.


A performance terá lugar no auditorio ás 19 h.


Colabora: