LABORATORIO DE IDEAS CON ANTONI SOCÍAS. NIN TAN PERFECTA É A CIENCIA NIN TAN SUBLIME É A ARTE

01 Abril 2016 - 02 Abril 2016

HORARIO:

Venres, 1 de abril, de 17:00 a 20:00
Sábado, 2 de abril, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00

Tomando como punto de partida a actitude crítica do artista para con todo o relacionado coa arte e a sociedade que a promove de forma recorrente, este laboratorio pretende, máis alá de calquera cuestionamento das actitudes máis acomodaticias do sistema, indagar sobre as evidentes necesidades dun futuro tan incerto coma urxente. Nun ensaio escrito en 1996, Antoni Socias equiparaba, nunha combinación de rigor e ironía, o mundo da arte —a todos os niveis— ao ecosistema do deserto; e para isto instaba a “emprender de maneira imperativa a recuperación espiritual e funcional do deserto que xeramos”.


Programa

Venres, 1 de abril, de 17:00 a 20:00

Formulación e busca de unanimidade nas bases do encontro. Visita á exposición Teoría e práctica do deserto para analizar, desde a óptica do axioma inicial, tanto a mostra no seu conxunto como unha serie de obras en particular. Tras a práctica de campo, terá lugar unha posta en común a partir das distintas opinións sobrevidas.

Sábado, 2 de abril, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h

1. Nexos de unión entre filosofía, psiquiatría, ciencias exactas e arte. É a arte espiritualidade, idealismo, metempsicose, poesía, vida...? Evidentemente si, pero hai moito máis ca todo iso. Nesa fascinante intersección de mundos, é precisamente onde pretende incidir este laboratorio de ideas. Algúns dos piares fundamentais do traballo de Socias —ingravidez, biodiversidade, negación, ocultación, desdobramento ou a propia disxuntiva entre azar e necesidade— levárono sucesivamente a formular significativas conciliacións dalgúns dos postulados científicos e disquisicións filosóficas máis significantes cos seus propios procesos.

2. Durante séculos a arte bebeu esencialmente da intuición, xerando canons e patróns a partir dunha intelixencia selectiva, fundamentada sobre todo na imaxinación, a sagacidade e a sensibilidade. Valores fundamentais nos que se fará fincapé e que, dadas as condicións actuais dun mundo en continua hibridación interdisciplinar, poderían devir —en certo modo— cuantificables. Nesta sesión articularanse puntuais estudos metodolóxicos sobre a conciencia do ser humano (psiquiatría) cos últimos avances da ciencia (materia e universo) e intentaranse aplicar —en paralelo— á arte as similitudes resultantes destas vinculacións temerarias. Trataranse algúns exemplos prácticos do que non se pode explicar con claridade en ciencia.

O obxectivo fundamental deste encontro é conformar un vivo debate xeneralizado a partir do esbozado polo artista Antoni Socías e das achegas de todos os asistentes.

Folleto da actividade

Antoni Socías naceu en Inca, Mallorca, en 1955 e cursou estudos na Escola Superior de Belas Artes de Barcelona (1973-1978). Actualmente reside e traballa no concello de Marratxí, Mallorca. Representou a España na XXIV Bienal de São Paulo (1998); realizou exposicións individuais no Museu Es Baluard (Palma de Mallorca), Centro Atlántico de Arte Moderno (Las Palmas), Casal Solleric (Palma de Mallorca), Marunouchi Gallery (Toquio), Centre Cultural Contemporani Pelaires (Palma de Mallorca), Galería Egam e Galería Ángel Romero (Madrid), Galería René Metrás e Galería Urania (Barcelona), Galería Rafael Ortiz (Sevilla). Amosou os seus traballos de forma colectiva na II Bienal Hispanoamericana de México DF, Los Angeles Convention Center, Fundació La Caixa e Fundació Suñol (Barcelona), Kunstmuseum Bonn, Palazzo de la Triennale (Milán), Galería Marlborough (Madrid), 6èmes Rencontres Africaines de la Photographie, Mémorial Modibo Keïta (Bamako), Academie des Beaux Arts (Kinsasa), Concello de París, Gabarrón Foundation (Nova York), Instituto Cervantes (Viena), CAC Málaga... Recentemente Los Sentidos Ediciones acaba de publicar La comodidad puede matar, un libro no que recompila ensaios, contos, cartas, reflexións, axiomas, enunciados, consignas e ata quiméricos achados arqueolóxicos, cuxos protagonistas centrais son artistas ou feitos artísticos directos ou indirectos.


DESTINATARIOS: artistas profesionais, estudantes de arte de cursos avanzados, filósofos e científicos con inclinación pola arte e a cultura (físicos, matemáticos, biólogos, psiquiatras...).

PRAZAS: 15

INSCRICIÓN
: As persoas interesadas poden inscribirse enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.es ou chamando ao teléfono 981 546 602. As solicitudes deberán ir acompañadas dunha carta de motivación, un breve currículo e un dossier profesional. Ademais, deberán incluír os seguintes datos: nome completo, enderezo de correo electrónico e teléfono de contacto.
 Unha vez que lles confirmemos a inscrición, enviarémoslles as indicacións precisas para facer efectiva a matrícula.

MATRÍCULA: 20 €


DIRECCIÓN: Antoni Socías

COORDINACIÓN: Virginia Villar