MARIA CALLAS, UNHA ICONA UNIVERSAL. Charla/recital
O 2 de decembro de 2023 cumpríronse cen anos do nacemento da Divina, cualificativo co que se coñece universalmente a Maria Callas, unha cantante de ópera que transcendeu ese ámbito artístico para converterse nunha icona cultural con millóns de seguidoras e seguidores en todo o mundo, e que deu orixe á mitomanía que todas as sopranos actuais deben afrontar dun xeito ou doutro.
Tras a súa tráxica morte, Maria Callas deixou un ronsel de fascinación que, lonxe de se apagar, xera novas preguntas no mundo da cultura. A súa figura suscita reaccións que transitan entre a admiración rendida e a controversia, entre o recoñecemento á artista e o fetichismo cara á persoa. Que prevalece hoxe, Maria ou Maria Callas, a muller icona da moda ou a diva entre as divas?
Con motivo deste aniversario, o CGAC propón un achegamento, desde distintas ópticas e de formas complementarias, á considerada paradigma do soprano assoluto. Para iso, achegarémonos aos seus personaxes máis emblemáticos a través dun percorrido audiovisual pola súa traxectoria e deterémonos naqueles papeis que recuperou do esquecemento e que incorporou para sempre ao gran repertorio operístico, de xeito que redescubriu o bel canto e fixou a forma canónica de interpretalo.
Fotografías descoñecidas, vídeos coas súas entrevistas máis importantes, un repaso ás homenaxes máis sorprendentes —entre as que se atopa o espectáculo co seu holograma— e, como non, algunha das arias que inmortalizou conforman o núcleo desta actividade dirixida por Rosa M.ª Fernández.
O programa, que se sitúa entre unha charla/recital e un meet and greet, inclúe ademais a actuación en vivo da nova soprano galega Lucía Iglesias, acompañada pola pianista Ludmila Orlova. Xuntas interpretarán tres das arias máis suxestivas e conmovedoras da Divina.
Un encontro co público marcará o remate desta celebración, que ten como propósito difundir a figura dunha cantante que marcou os séculos XX e XXI.
PROGRAMA
- “Benedette queste carte… Della crudele Isotta”, da ópera L’elisir d’amore, de Gaetano Donizetti
- “Non si da follia maggiore”, da ópera Il Turco in Italia, de Gioachino Rossini
- “O mio babbino caro”, da ópera Gianni Schicchi, de Giacomo Puccini
ROSA MARÍA FERNÁNDEZ (Ponferrada, León, 1969) é doutora cum laude en Musicoloxía pola Universidade Autónoma de Barcelona. Obtivo a súa licenciatura en Xeografía e Historia na Universidade de Oviedo e é académica correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando pola provincia de Barcelona.
