
MIES É +. TALLERES EXPERIMENTAIS DE ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA 2024
O CGAC presenta a novena edición deste ciclo de talleres dedicado á arquitectura contemporánea e orientado ao público infantil.
Os talleres, que teñen lugar a última fin de semana de cada mes, desenvólvense baixo a dirección do arquitecto e educador Fermín Blanco co apoio do equipo didáctico do Sistema Lupo. O seu obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as ferramentas e as claves necesarias para interpretar a arquitectura do noso tempo a través das teorías, dos proxectos e dos traballos dos arquitectos e arquitectas máis importantes dos últimos tempos.
O Sistema Lupo aposta por unha didáctica activa, experimental, mestura de teoría e práctica, onde o xogo é o verdadeiro aglutinante dunha dinámica creativa de carácter cooperativo.
Os temas serán tratados transversalmente empregando a arquitectura como fío condutor. Valerémonos de diversas figuras da arquitectura e do urbanismo para introducírmonos en mundos creativos a través do seu pensamento.
O proxecto educativo baséase tanto na xeración de didácticas coma no deseño de recursos a partir de todo tipo de materiais (madeiras, membranas, escumas, arxilas, combinados sintéticos etc.) e exploracións no mundo inmaterial que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción. A dinámica proposta fomenta a reflexión e a creatividade individual, así como o traballo en equipo a través do xogo e a construción a grande escala.
Nesta edición comezaremos traballando coa arquitectura de Álvaro Siza Vieira plasmada no propio CGAC. Para iso analizaremos as emocións e sensacións que desprenden os seus espazos e reflexionaremos verbo da súa integración na cidade. Continuaremos con espazos museísticos, desta volta centrándonos no traballo da parella de arquitectos Nieto e Sobejano, poñendo en relación a xeometría coa paisaxe e aprendendo de exemplos tan próximos como o Museo Interactivo da Historia en Lugo ou o futuro Museo de Pontevedra.
Como personaxe pioneiro salientaremos a Andrés Fernández-Albalat, pola súa contribución á modernidade galega, e faremos o noso propio laboratorio de formas. Tamén abordaremos os espazos públicos coa paisaxista Martha Schwartz e partiremos do seu traballo para facer os nosos experimentos de unión entre arte e paisaxe, tendo como base a comunidade e o medio ambiente. Como colofón, realizaremos un minipaseo de urbanismo activista da man das ideas da senlleira Jane Jacobs, para saber de que morren hoxe as nosas cidades.
XANEIRO. Álvaro Siza Vieira. Forma e luz. Museo versus cidade
Sábado, 27 de xaneiro. Para nenas e nenos de 6 a 8 anos
Domingo, 28 de xaneiro. Para nenas e nenos de 9 a 12 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 25 de xaneiro ás 13:00 h
FEBREIRO. Nieto Sobejano. Xeometría e materia. Museo versus paisaxe
Sábado, 24 de febreiro. Para nenas e nenos de 6 a 8 anos
Domingo, 25 de febreiro. Para nenas e nenos de 9 a 12 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 12 ao 22 de febreiro ás 13:00 h
MARZO. Fernández-Albalat. Na modernidade galega
Sábado, 23 de marzo. Para nenas e nenos de 6 a 8 anos
Domingo, 24 de marzo. Para nenas e nenos de 9 a 12 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 11 ao 21 de marzo ás 13:00 h
ABRIL. Martha Schwartz. Paisaxe, arte e comunidade
Sábado, 27 de abril. Para nenas e nenos de 6 a 8 anos
Domingo, 28 de abril. Para nenas e nenos de 9 a 12 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 15 ao 25 de abril ás 13:00 h
MAIO. Jane Jacobs. Urbactivismo: mini Jane’s walk
Sábado, 25 de maio. Para nenas e nenos de 6 a 8 anos
Domingo, 26 de maio. Para nenas e nenos de 9 a 12 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: do 13 ao 23 de maio ás 13:00 h
Denís Gándara
Todos os talleres son de balde. As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro dos prazos establecidos, a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.gal indicando os seguintes datos: nome completo e idade dos participantes, número de teléfono e enderezo electrónico de contacto, nome e número de DNI das persoas autorizadas para recoller os menores no CGAC e o nome do taller ao que desexan asistir. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.