Morlaix de Jaime Rosales

"MORLAIX" DE JAIME ROSALES. Preestrea da película

20 Febreiro 2025
17:00-20:00 h
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Carmen Hermo
Prazas:
250. Acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade da sala

O CGAC, en colaboración coa empresa Fresdeval Films, acollerá no seu auditorio a preestrea en Galicia da película Morlaix (Jaime Rosales, 2025), que xa levou a cabo noutros museos e universidades de España. Tras a proxección do filme, terá lugar un debate no que participarán o director, Jaime Rosales; a catedrática en Comunicación Audiovisual, escritora, investigadora e cineasta Margarita Ledo e o director do CGAC, Santiago Olmo.

Fresdeval Films é unha empresa dedicada á produción de películas de ficción e documentais cunha vocación orientada aos proxectos de alta calidade artística, baseados nunha mirada orixinal sobre temas de interese social, humano e cultural. Desde a súa creación no ano 2000, desenvolveu unha peculiar traxectoria dentro do panorama cinematográfico español e situouse como unha produtora nova, integrada por cineastas con ideas orixinais, unha sólida formación e experiencia e talento probados.

 

PROGRAMA

17:00 h • Proxección da película Morlaix
Director: Jaime Rosales | Ano: 2025 | País: Francia, España | Duración: 124 min | Idioma: V.O. en francés con subtítulos en castelán | Non recomendada para menores de 12 anos | Sinopse: Morlaix conta a vida dun grupo de adolescentes que están no seu último ano de instituto nunha vila da Bretaña francesa. Trátase dun grupo de amigos cuxo ecosistema se ve perturbado pola chegada dun mozo parisiense, Jean-Luc, atractivo e sincero, con intereses xenuinamente poéticos.

19:00 h • Pausa

19:10 h • Debate coa participación de Jaime Rosales, Margarita Ledo e Santiago Olmo

 

JAIME ROSALES (Barcelona, 1970). Entre os recoñecementos á súa obra cinematográfica, destacan o Premio da Crítica da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes (Las horas del día, 2003), o Goya á Mellor Película e ao Mellor Director (La soledad, 2007), o Premio da Crítica do Festival de San Sebastián (Tiro en la cabeza, 2008) e o Premio do Xurado Ecuménico da sección Un Certain Regard do Festival de Cannes (Hermosa juventud, 2014). Impartiu cursos, charlas e conferencias nun gran número de universidades, escolas de cinema e centros de arte.

Entre as súas colaboracións e participacións destacan: Museo do Prado, Caixa Forum, Fundación Picasso de Málaga, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Centre Georges Pompidou, Artium Museoa de Vitoria, CCCB (Centre de Cultura Contemporània de Barcelona), Universidade Complutense de Madrid, Universidade Carlos III, Universidade de Barcelona, Universidade Pompeu Fabra, ECAM, EICTV, ESADE, Universidade de Nova York, Universidade de Lyon e IBAFF.

En marzo de 2014, o Centre Georges Pompidou realizou unha retrospectiva de toda a súa obra. É Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras Francesas e Premio Nacional de Cultura da Generalitat de Catalunya (2015). No ano 2018, publicou El lápiz y la cámara, un libro que reflexiona sobre o cinema e a creación artística, e presentou a súa película, Petra, na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes. A súa última película, Girasoles silvestres, estreouse no outono de 2022 tras o seu paso polo Festival de San Sebastián.