O Consello Internacional de Museos (ICOM) propón para celebrar o Día Internacional dos Museos o lema “Museos pola educación e a investigación”.
Arredor deste evento, o CGAC programa unha semana de actividades gratuítas vinculadas á didáctica e á música contemporánea, á educación artística e á creación plástica, á performance e mais á historia da fotografía, alén dunha visita guiada aos recantos menos coñecidos do CGAC.
CONCERTOS DIDÁCTICOS OUTRAS MÚSICAS SON POSIBLES
Comezamos a Semana dos Museos cun programa de cinco concertos didácticos a cargo de Ensemble Liberdade para diferentes públicos: catro concertos dirixidos ao público infantil e un concerto para o público adulto.
As sesións versarán sobre a escoita activa, as posibilidades ás que se enfronta a composición contemporánea e os procesos de xuízo por parte das persoas oíntes. Dunha maneira amena, práctica e participativa, artistas e oíntes penetraremos xuntos no marabilloso mundo das músicas posibles e formularémonos preguntas como: Que é música e que non o é? Por que nos gusta unha música e outra non? Onde está a música que eu necesito e como podo atopala? Hai músicas demasiado complexas? Hai músicas demasiado simples? Hai músicas boas e músicas malas?
CONCERTOS DIDÁCTICOS PARA ESCOLARES
LUNS 13 E MARTES 14 DE MAIO
HORARIOS: 10:30 h. Primeira quenda / 12:00 h. Segunda quenda
LUGAR: Auditorio do CGAC
PRAZAS: 250 por quenda. Entrada de balde, con inscrición previa
PERSOAS DESTINATARIAS: Grupos de escolares de primeiro e segundo ciclo de educación primaria.
CONCERTO DIDÁCTICO PARA ADULTOS
MARTES 14 DE MAIO
HORARIO: 20:00 h
LUGAR: Auditorio do CGAC
PRAZAS: 250. Entrada libre ata completar a capacidade da sala
PERSOAS DESTINATARIAS: Calquera persoa interesada na creación musical
TARDEO NO CGAC. TALLERES PARA PÚBLICO INFANTIL
MÉRCORES 15 DE MAIO
O mércores desta semana levaremos a cabo un taller para estimular o interese das persoas máis novas na creación artística contemporánea e incentivar a aprendizaxe a través da experimentación coa arte.
Nesta sesión didáctica e de lecer realizaremos actividades centradas nos procesos creativos de xeito individual e colectivo. Abordaremos tanto a plástica como a expresión corporal e a experimentación sonora. Crearemos con luces, con obxectos cotiáns, coa palabra e con elementos da natureza. Trataremos conceptos como o peso, o equilibrio, a escala, a repetición, a acumulación ou a asociación como estratexias creativas para achegarnos ás múltiples posibilidades de produción artística que existen na arte actual.
HORARIO: 17:00 h
LUGAR: Aula de Educación Artística
PERSOAS DESTINATARIAS: nenos e nenas de 4 a 6 anos
INSCRICIÓN: De balde, con inscrición previa
As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro do prazo establecido, a través cunha mensaxe electrónica dirixida a onlinecgac@gmail.com na que deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade de cada participante, número de teléfono e enderezo electrónico de contacto, nome e número de DNI das persoas autorizadas para recoller os e as menores no CGAC, e a data do taller ao que desexan asistir. Poderase inscribir un máximo de dúas persoas mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha notificación por correo electrónico a modo de resposta.
PRAZO DE INSCRICIÓN: do 8 ao 14 de maio
SESIÓN ABERTA DO CURSO DE FOTOGRAFÍA
MEMORIAS DUNHA IMAXE LATENTE
MÉRCORES 15 DE MAIO
Nesta Semana dos Museos, a sesión correspondente do curso de fotografía Memorias dunha imaxe latente estará aberta ao público.
Este curso propón unha deriva pola historia da fotografía desde o primeiro desexo de crear unha imaxe pola acción da luz ata o xurdimento das vangardas nos primeiros anos do século XX.
SESIÓN: “A ruptura: o instante e a arte”
HORARIO: 19:00 h
LUGAR: Auditorio do CGAC
Entrada libre ata completar a capacidade da sala
DIRIXE: Fuco Reyes
COLABORACIÓN COA V EDICIÓN DE PLATAFORMA. FESTIVAL DE ARTES PERFORMATIVAS
O CGAC colabora un ano máis co festival de artes performativas Plataforma con dúas performances que terán lugar, ao longo da fin de semana, en diversos espazos da arquitectura de Álvaro Siza.
GRACE SCHWINDT. STRINGS
SÁBADO 18 DE MAIO
HORARIO: 18:00 h
INTERPRETADA POR: Irina Ungureanu e Macarena Montesinos
LUGAR: Espazo de proxectos
Entrada libre ata completar a capacidade das salas
MARÍA XEREZ. BLOB
DOMINGO 19 DE MAIO
HORARIO: 18:00 h
INTERPRETADA POR: María Jerez
LUGAR: antesala do auditorio do CGAC
Entrada libre ata completar a capacidade das salas
VISITA GUIADA O CGAC OCULTO
DOMINGO 19 DE MAIO
Para lle pór punto final á Semana dos Museos programamos unha visita especial aos espazos ocultos do CGAC.
O público interesado poderá coñecer os almacéns onde se custodian e conservan as obras de arte, os talleres de restauración e montaxe, a Aula de Educación Artística, as oficinas e a sala de xuntas. O percorrido rematará na cuberta do edificio, coroada pola instalación permanente do artista estadounidense Dan Graham, Triangular Pavilion.
Para participar nesta actividade non é preciso inscribirse previamente. A visita partirá da recepción do CGAC ás 12:00 h e terá unha duración aproximada de 50 minutos. O grupo formarase por orde de chegada.
HORARIO: de 12:00 a 12:50 h
De balde, sen inscrición previa
