image_50416897-1.JPG

NALGURES. UN ESTUDIO PORTÁTIL. TALLER DE ARTISTA IMPARTIDO POR NARELLE JUBELIN

12 Xullo 2022 - 14 Xullo 2022
Horario: 10:30-14:30 h
Coordinación:
Gema Baños
Dirección:
Narelle Jubelin
Prazas:
20
Matrícula:
20€

Durante os seus procesos de traballo, Narelle Jubelin vai definindo a súas obras a partir da pescuda e da análise dos contextos que encadran os seus proxectos, trátase de referentes obxectuais ou literarios concretos dentro do contexto galego que vincula con outras cartografías e referencias propias. No caso concreto de Nalgures, agroma o patrimonio arquitectónico —espazos habitacionais, comunitarios, sociais e laborais, incluídos lavadoiros e cemiterios— e referencias literarias e culturais, ou o uso do texto como imaxe e á procura de espazos críticos para poder tecer novos proxectos colaborativos.

Narelle Jubelin propón a realización dun traballo colaborativo no que revisita espazos concretos, como o cemiterio de Bonaval e os lavadoiros de Picaños e do Sarela. A proposta comeza desde o propio CGAC, situado xunto á entrada do Camiño Francés, a principal ruta de peregrinación á cidade de Santiago de Compostela, marcada por itinerarios e percorridos que avanzan unindo vieiros e trazados. Reflexionaremos sobre a construción das actuais vías de comunicación e as súas consecuencias paisaxísticas, sociais, culturais e económicas, sobre a memoria da paisaxe e dos modos de ocupación espacial e sobre a redefinición formal das distintas producións culturais.

Narelle Jubelin (Sidney, 1960) foi cofundadora de Firstdraft, un dos primeiros espazos autoxestionados por artistas na Australia de mediados dos oitenta e, na actualidade, forma parte de ABM Confecciones, espazo para o pensamento, a acción e o debate situado en Madrid, cidade na que reside desde 1996.

Licenciada en Belas Artes pola Escola Superior de Educación Avanzada Alexander Mackie (Sidney), Jubelin conta cunha ampla traxectoria expositiva na que convén salientar exposicións colectivas como: Trade Delivers People (Aperto, Bienal de Venecia, 1990), The Day After Tomorrow (Centro Cultural de Belém, Lisboa, 1994), Cocido y crudo (Museo Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, 1994). Así mesmo, no 2009 participou en The Future is Unwritten (no marco do proxecto Provisions for the Future (9.ª Bienal de Sharjah) ou Learning Modern (School of the Art Institute Sullivan Gallery, Chicago). Entre as súas exposicións individuais: SoftShoulder (The Renaissance Society, University of Chicago, 1994), Soft and Slow (Monash University Gallery, Melbourne, 1995); ECRU (Pavilhão Branco, Instituto de Arte Contemporânea, Lisboa, 1998), Shumakom (Artists’Space, Xerusalén, 2002); Ungrammatical Landscape (Centro José Guerrero, Granada, 2006), Afterimage (La Casa Encendida, Madrid, 2013), Plantas e Plantas (CAM Fundação Calouste Gulbenkian, Lisboa, 2013); Flamenco primitivo (Marlborough Contemporary, Londres, 2016) ou Camiño Primitivo (Galería Nordés, Santiago de Compostela, 2018).

 

 

 

 

 

 

Imparten:

Narelle Jubelin

Persoas destinatarias:

O taller vai dirixido a calquera persoa interesada na arte, especialmente a estudantes e artistas.

Inscrición:

As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a cgac.pedagogia@xunta.gal. As solicitudes deberán incluír os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, área de traballo ou de interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, as persoas inscritas recibirán as indicacións precisas para facer efectiva a matrícula.

PRAZO DE INSCRICIÓN: ata o 6 de xullo

Certificación:

O CGAC entregarálles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.