NERD NITE

20 Xuño 2013 - 14 Decembro 2017

Este xoves 20 de xuño ás 22:00 horas, o CGAC colabora coa USC pechando o ciclo de lecer e coñecemento Nerd Nites en Santiago de Compostela.

A cita dará comezo na cafetería do CGAC para, se o tempo o permite, subir despois á terraza e contemplar o ceo con telescopios.

Conversar sobre política, medicina, literatura, arte, física ou matemáticas en locais nocturnos de ocio é a orixinal proposta, nacida hai anos en Estados Unidos, á que o pasado ano se sumou Santiago de Compostela, a primeira cidade española que organizou as Nerd Nites.

Nerd é o acrónimo en inglés de Non-Emotionally-Responding Dude (persoa de pouca resposta emocional), individuos que fusionan as súas paixóns coa súa vida dando lugar a unhas personalidades peculiares. Nas Nerd Nites diferentes invitados falan co público das disciplinas que os apaixonan nun ton distendido e fóra do ámbito académico.

As persoas que interveñen nas sesións, conxugan unha traxectoria académica brillante e unha gran capacidade comunicativa, requisitos esenciais para participar nesta iniciativa, que unha vez ao mes aglutina nun local de ocio da cidade tres charlas, cada unha delas de 15 minutos, de temáticas completamente diferentes pero coa premisa común da sinxeleza de conceptos e contidos.

Nesta ocasión, os invitados serán o profesor Salvador Bará Viñas, que nos falará de por que desapareceron as estrelas, e o artista Rubén Ramos Balsa, que impartirá unha charla titulada A obxección de Ernst Mach á liña do horizonte.