foto conf Olga-NKN2022.jpg

Nodos e visións. Como imaxinas o final? CONFERENCIA PERFORMATIVA. OLGA MESA E NEKANE ARAMBURU

29 Abril 2022
18:00 h
Auditorio do CGAC
Matrícula:
Entrada libre e de balde

Nodos e visións. Como imaxinas o final? repasa algúns puntos esenciais da obra da coreógrafa e artista visual asturiana Olga Mesa. En diálogo con Nekane Aramburu, ambas confrontarán ideas e imaxes desde a práctica creativa e a teoría da arte. Durante a sesión, compaxinarase o intercambio de reflexións e fragmentos audiovisuais nunha sorpresiva viaxe onde se debullarán algunhas das claves para entender a produción escénica vinculada á caixa branca e ao cubo negro.

Esta posta en común de puntos de vista irase construíndo coa participación activa do público. As persoas asistentes ao evento non só actuarán como espectadoras, serán tamén interlocutoras implicadas na comunicación, cómplices capaces de integrarse nesta proposta creativa e pedagóxica de transmisión(s).

Ao longo da sesión, propoñerase a necesidade urxente de revisar unha nova política do corpo e da mirada e cuestionarase, a través das creacións de Olga Mesa, a presenza do outro e a súa relación co mundo.

A modo de claves, abordaranse catro cuestións esenciais: “Coreograma”, “Fóra de campo”, “O corpo próximo e o corpo operador” e “A dobre visión”.

Esta conferencia performativa funciona como un prólogo aberto e serve de introdución ao proxecto de revisión do traballo de Olga Mesa, que culminará cunha exposición retrospectiva sobre a artista organizada polo CGAC.

 

Olga Mesa é unha das figuras claves da nova danza contemporánea española e explora, desde as artes visuais e escénicas, novas formas de comunicación co público. Vive e traballa entre Estrasburgo e Auberive (Francia).

Desde os anos noventa, a súa investigación arredor dunha escritura do corpo persoal e asemade innovadora sitúaa como referente, afirmando o lugar do íntimo dentro da representación. No ano 2005 instálase en Francia onde, tras unha longa residencia no Thèâtre Pôle Sud de Estrasburgo, crea a súa compañía Hors Champ / Fuera de Campo. A través da súa obra indaga sobre as posibilidades dunha dramaturxia experimental deliberadamente situada na fronteira entre a danza, a performance, o cinema e a instalación.

As creacións escénicas de Olga Mesa desenvólvense arredor de ciclos temáticos: a triloxía do corpo, Res, non verba (1996-1999) co solo acompañado estO NO eS Mi CuerpO, os proxectos Más público, más privado (2001-2006) e labOfilm (2009-2012), ata a aventura multimedia Carmen // Shakespeare (2001-2010), en diálogo co artista vasco Francisco Ruiz de Infante.

Os seus proxectos polifacéticos viaxaron por Europa, América do Sur, o norte de África e A China.

 

Nekane Aramburu é museóloga, xestora cultural e ensaísta teórica. Baixo a súa dirección destacan, entre outros, centros como Transforma (1993-2003) ou Espacio Ciudad (1999-2010) en Vitoria-Gasteiz e, máis recentemente, o museo Es Baluard en Palma de Mallorca, no que desempeñou a función de directora xeral e artística desde 2013 ata 2019.

Como investigadora, o seu traballo céntrase nas prácticas transmediais e nos ecosistemas culturais, cunha aposta decidida polas estruturas en rede. Ademais nos seus proxectos, implementa cuestións de género e compromiso ambiental, ámbito no que destaca a triloxía sobre o Mediterráneo producida por Es Baluard, en colaboración con diferentes entidades.

Entre as súas exposicións máis recentes como comisaria, figuran Arxipèlag Oest, co FRAC Corse de Córsega e o MAN - Museo d’Arte Provincia di Nuoro de Sardeña, ou Escuela de envejecer. Ana Gallardo, no CCE de Montevideo.

Exerce ademais como docente en diversos centros universitarios e formativos e realiza labores de asesoría para diversas institucións públicas e privadas. Como ensaísta teórica, é autora dun bo número de libros e monografías, entre os que destaca Alternativas. Políticas de lo independiente en las artes visuales, publicado polo Cendeac en 2020, no marco da colección Ad Hoc.