Ruta CGAC-42.jpg

O CGAC E OUTROS FITOS DA ARQUITECTURA COMPOSTELÁ. Ruta de arquitectura contemporánea

14 Xaneiro 2023 - 16 Decembro 2023
de 11:00 a 13:30 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Carmen Rey
Prazas:
20

A arquitectura e o urbanismo contemporáneos son os grandes descoñecidos da cidade de Compostela. Esta ruta recolle unha mostra das actuacións feitas nos últimos cincuenta anos que, de forma continua, foron definindo e singularizando a zona norte da cidade. Falaremos da relación entre a arquitectura e a paisaxe, do diálogo entre a tradición e a modernidade, da pedra e das novas linguaxes arquitectónicas....

Partiremos do exterior do CGAC e falaremos da importancia desta primeira obra de Álvaro Siza Vieira en Santiago de Compostela. Continuaremos a camiñada deténdonos noutros fitos da arquitectura contemporánea compostelá, como o conxunto da avenida Xoán XXIII; a Biblioteca Pública de Santiago, Ánxel Casal, de Andrés Perea; a residencia do presidente da Xunta de Galicia, de Manuel Gallego Jorreto; a quinta Simeón, tamén coñecida como parque de Vista Alegre, con intervencións de César Portela, Arata Isozaki e Antón García Abril; e o Auditorio de Galicia, de Julio Cano Lasso.

Remataremos o paseo, regresando á arquitectura de Siza, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

A finalidade última desta actividade é animar a todas as persoas participantes a pasear pola cidade e a que descubran as arquitecturas e os espazos urbanos máis novos.

 

PROGRAMA

14 XANEIRO
Inscrición: 9 e 10 de xaneiro 

11 FEBREIRO
Inscrición 6 e 7 de febreiro

25 MARZO
Inscrición: 20 e 21 de marzo

29 ABRIL
Inscrición: 24 e 25 de abril

20 MAIO
Inscrición: 11 e 12 de maio

10 XUÑO
Inscrición: 5 e 6 de xuño

23 SETEMBRO
Inscrición: 18 e 19 de setembro

28 OUTUBRO
Inscrición: 23 e 24 de outubro

11 NOVEMBRO
Inscrición: 6 e 7 de novembro

16 DECEMBRO
Inscrición: 11 e 12 de decembro

 

CARMEN REY (Santiago de Compostela, A Coruña, 1970) titulada superior en Arquitectura, na especialidade de Edificación, pola Universidade da Coruña. Traballa no exercicio libre da profesión desde o ano 2000.
Como integrante da Xunta de Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, desde xullo de 2016 representa esta institución como membro (titular e suplente) do Grupo Relator Técnico e da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico do Plan especial da cidade histórica de Santiago (PE-1) do Concello de Santiago. Ademais é socia de Arquitectos sen Fronteiras de Galicia e, desde marzo de 2019, membro individual do Comité Nacional Español de Icomos.

 

INSCRICIÓN

A actividade é gratuíta. Para participar é necesario inscribirse previamente dentro dos prazos previstos para cada unha das sesións enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome completo, número de teléfono, correo electrónico e estudos, área de traballo ou interese. Poderanse inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas rexistradas recibirán unha notificación do estado da súa solicitude por correo electrónico.