O CGAC PERFORMA. Ciclo de artes performativas
O presente ciclo reúne un destacado conxunto de artistas, tanto do contexto galego coma da esfera nacional, cuxas prácticas permiten trazar un panorama aberto, crítico e diverso das formas que adopta a performance contemporánea. As pezas seleccionadas comparten unha profunda vontade de explorar o corpo, a voz, a linguaxe, a memoria, e o cotián como espazos de pensamento e experiencia.
Máis que circunscribirse a unha única liña estética, o programa articúlase desde a convivencia de distintas metodoloxías e sensibilidades. Desta forma, configura un ecosistema de prácticas que evidencian a amplitude do campo performativo contemporáneo e a súa capacidade para xerar coñecementos desde o sensible. Lonxe de propoñerse como un programa estático, O CGAC performa concíbese como un dispositivo flexible, capaz de infiltrarse nos distintos espazos do museo. As intervencións despréganse nas salas de exposicións, en zonas de tránsito e no auditorio, reconfigurando temporalmente a arquitectura institucional para transformala nun lugar de activación, de escoita atenta e de experiencia compartida coa cidadanía.
PROGRAMA
Y/COMPOSTELA
Álvaro Corral Cid
Duración: 45 min
Lugar: Auditorio do CGAC
Hora: 17:30
A proposta artística Y/Compostela articula un espazo híbrido entre o ensaio e a acción en vivo, integrando a revisión de arquivos e o bordado para xerar unha lectura crítica sobre a construción do imaxinario folclórico galego durante o réxime franquista. A través desta peza, o autor examina materiais da memoria rexional, tales como a indumentaria tradicional e os repertorios da Sección Feminina, analizándoos como dispositivos propagandísticos atravesados polas tensións políticas e identitarias da época.
EN HOMBROS DE GIGANTAS
Verónica Ruth Frías
Duración: 45 minutos
Lugar: salas de exposición do CGAC
Hora: 18:30
A performance En hombros de gigantas articúlase como unha crítica frontal á sistemática invisibilización das mulleres na historiografía e nas institucións artísticas hexemónicas. Tomando como punto de partida a ausencia feminina no canon tradicional, a artista propón unha acción onde o corpo e o simbolismo converxen.
INTERVALOS VARIABLES 2026
Ana Gesto
Duración: 30 minutos
Lugar: vestíbulo do CGAC
Hora: 19:15
Intervalos variables 2026 constitúe una nova visita a unha peza sonora fundamental na traxectoria da artista, estreada orixinalmente en 2011, da cal xurdiron múltiples reconfiguracións internacionais e derivas escultóricas premiadas. Empregando obxectos cotiáns como metais, cordas e potas, a autora despoxa estes elementos da súa utilidade pragmática mediante accións físicas de tensión e arrastre, transformándoos en condutores acústicos.
ÁLVARO CORRAL CID (Ourense, 2000) é un artista e investigador, graduado en Belas Artes e máster en Investigación en Arte e Creación pola UCM. O seu traballo aborda o imaxinario folclórico español e a indumentaria tradicional desde as súas implicacións políticas, visuais e de xénero. A súa metodoloxía fundaméntase no uso da costura, o arquivo e a performance.
Realizou residencias en Hangar e Matadero, e expuxo en programas como RED ITINER e o Certame de Artes Plásticas de Ourense.
ANA GESTO (Santiago de Compostela, 1978), performer e artista visual. É licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e a Real Academia de Belas Artes de San Carlos en Valencia. Ao longo de máis dunha década, consolidou unha extensa proxección nacional e internacional, presentando as súas pezas performativas en certames de referencia. No seu percorrido destacan as súas participacións en Acción!MAD, Fem Corpología ou o festival Plataforma. A súa práctica eríxese como unha exploración continua e rigorosa dentro do panorama contemporáneo das artes vivas.
VERÓNICA RUTH FRÍAS (Córdoba, 1978) articula a súa práctica artística arredor da performance, empregando o disfrace, a maquillaxe e a alteridade como estratexias fundamentais para desenvolver unha crítica frontal sobre as cuestións de xénero, reivindicando o posicionamento da muller no sistema da arte. Cunha consolidada presenza no ámbito nacional e internacional e tras colaborar con destacados comisarios, Frías expande o seu compromiso cara á xestión e a mediación cultural. Como codirectora de RARA Residencia, impulsa un proxecto en Villanueva del Rosario (Málaga), que busca descentralizar a cultura, acercando a arte contemporánea e o diálogo interdisciplinario ao contexto rural.
COOPERATIVA PERFORMA está integrada por un equipo interdisciplinario de profesionais especializados no desenvolvemento estratéxico, a consultoría e a xestión integral de proxectos culturais, exposicións e festivais. Cun enfoque centrado na innovación e nas artes vivas, o seu labor abrangue desde a conceptualización teórica ata a coordinación material e humana.
Desde 2020, a cooperativa asume a dirección de Plataforma, un festival de artes performativas consolidado como referente no sector, cuxas próximas datas terán lugar durante o outono de 2026 en Santiago de Compostela e Santander.
Entre as súas producións destacan propostas como o ciclo expositivo Correspondencias en ABANCA, El museo como escenario ou Acciones peregrinas no CGAC, intervencións de carácter site-specific en La Casa Encendida e no Centro Cultural Condeduque de Madrid.
