Francisco, do Ultramarinos Leis, repartindo fariña na rúa Basquiños

O FORNO DA AMARA. Taller para adultos maiores dos barrios próximos ao CGAC

09 Abril 2025 - 19 Novembro 2025
Mércores quincenais, de 18:30 a 20:30 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
La querencia (Ana Moure Rosende e Ana Escariz Pérez)
Prazas:
15
Matrícula:
actividade de balde con inscrición previa

O Programa de Acción Comunitaria, integrado por diversas propostas que irán sumándose ao longo de sucesivas edicións, ten como finalidade avanzar na relación participativa e bidireccional entre o museo e a comunidade.

Con este fin, traballaremos en procesos de socialización encamiñados a afianzar o CGAC como un espazo aberto á colaboración, ao acollemento, á reflexión, ao debate e ao lecer. Abriremos diálogos entre creadores e creadoras, públicos e museo, e desprazaremos a programación a aqueles lugares onde hai persoas que, por diversos motivos, teñen limitada a súa participación social e cultural.

 

O FORNO DA AMARA

O Forno da Amara é un proxecto de participación cidadá cuxo obxectivo é tender pontes entre o CGAC e os habitantes máis veteranos dos barrios veciños.

Trátase de construír un espazo comunitario onde a veciñanza dos barrios de San Roque, Basquiños, Santa Clara, A Almáciga e a zona monumental poidan compartir as fotografías dos seus álbums familiares, co fin de xerar un arquivo vivo da transformación da cidade e das persoas que a habitan.

Ao longo de seis meses, as persoas que participen nas sesións aprenderán distintas técnicas artísticas para coidar e manipular o arquivo fotográfico e explorarán a capacidade das imaxes, o que lles permitirá revisar historias e crear novos relatos.

Deste xeito, máis alá de preservar a memoria, o proxecto empregará o potencial das fotografías domésticas ou familiares, co fin de evocar e invocar un presente máis afectivo e cohesionado. A recolección deste acervo fotográfico conformará un atlas, nunca definitivo, da cidade e dos seus habitantes, e concluirá cunha exposición no CGAC.

A actividade toma o nome da panadería coñecida como O Forno da Amara, un dos moitos negocios que, desde o barrio de Basquiños, abastecían toda a cidade. Barbería Basilio, Casa Leis, Modista Estrellita, Forno do Isaac, Forno do Miguel, Bodegas Bopomán, Perruquería Pichita…, todos eles nomes de comercios e locais sociais xa desaparecidos cuxa memoria queremos traer ao presente a partir deste proxecto.

Para iso contaremos coa colaboración de artistas que impartiran diversos talleres e facilitaremos o encontro da veciñanza para que poidan compartir e crear de maneira conxunta este espazo seguro, o que favorecerá outros ritmos cos que habitar o museo e, por extensión, a cidade.

 

CALENDARIO

PARTE 1
9 de abril, 23 de abril, 7 de maio, 21 de maio, 11 de xuño e 25 de xuño

PARTE 2
10 de setembro, 24 de setembro, 8 de outubro, 22 de outubro, 5 de novembro e 19 de novembro

 

IMPARTEN

ANA MOURE ROSENDE (Santiago de Compostela, 1996) é mediadora cultural e arquitecta. Traballa en proxectos de cultura contemporánea nos cruzamentos entre a cidade, a arte, a ecoloxía e a participación social. Para tecer comunidades sensibles a urxencias climáticas e sociais, ás veces desenvolve proxectos de participación cidadá e outras escribe e dirixe pezas de ficción especulativa no ámbito das artes vivas. É cofundadora e integrante do colectivo La Cuarta Piel desde 2021.

ANA ESCARIZ PÉREZ (Santiago de Compostela, 1996) é traballadora cultural. Os seus intereses céntranse na cultura como motor para a transformación social e en perspectivas ecofeministas. Actualmente, investiga as interseccións que se dan entre a arte contemporánea, a comida e a sociedade, e traballa en eidos como a mediación, a xestión e a comunicación cultural. Forma parte dos colectivos de mediación e programación cultural Leuda e La querencia.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

A actividade está dirixida a persoas adultas maiores (preferiblemente, dos barrios de San Roque, Santa Clara, Basquiños, A Almáciga e a zona monumental) con disposición de compartir os seus álbums familiares. Poden inscribirse persoas que requiran de acompañantes.

 

INSCRICIÓN

A actividade é de balde. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a laquerencia.colectivo@gmail.com. Nela deberán incluír os seguintes datos: apelidos e nome, motivación para inscribirse no grupo, idade, barrio de orixe, enderezo de correo electrónico e un número de teléfono de contacto. As persoas que non dispoñan de enderezo electrónico poden inscribirse chamando ao teléfono 981 546 602.

No caso de precisaren contar con algún apoio especial durante as sesións, deberán indicalo na solicitude.

As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe de confirmación.

 

PRAZO DE INSCRICIÓN

Do 10 ao 31 de marzo de 2025