O PRIMEIRO SIZA. Presentación do documental
A colaboración entre dúas institucións como o COAG e o CGAC fai posible presentar en Santiago de Compostela O primeiro Siza, un documental que regresa ao inicio dunha das máis importantes traxectorias da arquitectura contemporánea portuguesa e no que se revelan as Catro Casas de Matosinhos, a primeira obra de Álvaro Siza, proxectada cando aínda era estudante.
A partir do reencontro entre o arquitecto e Fernando Neto —o seu primeiro cliente e propietario dunha das casas— sesenta anos despois da súa construción, o filme propón unha viaxe sensible ao tempo e á memoria, e mostra como a arquitectura pode transformar, silenciosamente, a vida das persoas. Entre imaxes de arquivo e filmacións actuais, inclúense entrevistas a Siza, aos habitantes das casas e ao crítico italiano Francesco Dal Co.
O filme amosa como as casas se converten en testemuños vivos das historias das persoas que as habitan. Cada elemento da casa, desde as escaleiras ata o portón, leva consigo unha historia persoal: nacementos, namoros, xogos, concertos e, tamén, a morte. “A arquitectura non é só paredes e teitos, senón espazos que transforman e definen as experiencias de vida”, afirma a realizadora Sara Nunes. Nun tempo no que a crise da vivenda domina o debate público, O primeiro Siza convida a repensar o papel da arquitectura nas nosas vidas. Máis que construír casas, importa reflexionar sobre as vidas que se constrúen nelas: un filme que escoita e observa, no que as persoas, coas súas memorias, xestos e formas de habitar, son as auténticas protagonistas.
O documental tivo un percorrido internacional destacado. Tras a preestrea en Serralves, coa presenza de Álvaro Siza, O primeiro Siza foi seleccionado para festivais en Italia, Turquía, España e Suecia, e recibiu o Premio ao Mellor Filme na Mostra Internacional de Cinema de Arquitectura Cinema Urbana en Brasilia.
INFORMACIÓN TÉCNICA DO FILME
Título: O primeiro Siza
Dirección: Sara Nunes
Idea orixinal: João Rapagão e Sara Nunes
Produción: Building Pictures
Música: Bruno Ferreira
Duración: 60 minutos
Ano: 2025
Tempo de produción do documental: 2019-2025 (6 anos)
SARA NUNES (Lisboa, 1985) obtivo o título de mestrado en Arquitectura en 2009 pola Escola Superior Artística do Porto e pola Universität Kassel (Alemaña). Entre 2011 e 2012, traballou para o estudio de arquitectura madrileño Ensemble Studio. En Madrid, apaixonouse polo cinema e, en 2013, regresou a Portugal, onde creou a produtora de filmes de arquitectura Building Pictures, que ata 2021 realizou máis de trescentas curtas.
En 2022 estreou o documental WoodStories, distinguido con premios e seleccións internacionais, e ao ano seguinte presentou Back to the City, sobre a rehabilitación do Mercado do Bolhão, exhibido tamén en festivais fóra de Portugal. En maio de 2024 recibiu no auditorio do Museu de Serralves o Premio Innovación en Arquitectura dos premios Forma.
Sara Nunes continúa traballando en proxectos cinematográficos de gran relevancia, incluído o documental In the Age of Cities, que ofrece unha visión sobre o futuro das cidades e no que destacan arquitectos, artistas e deseñadores como Ana Aragão, Gilles Retsin, Guta Moura Guedes, Iñaqui Carnicero, Mario Cucinella e OODA. Tamén está a traballar no filme O fotógrafo voador, sobre o fotógrafo de arquitectura Fernando Guerra, e iniciou recentemente o desenvolvemento dun documental sobre Eduardo Souto de Moura.
