ONTOLOXÍA E BELEZA Lourdes Pérez

ONTOLOXÍA E BELEZA. Intervención de Lourdes Pérez

24 Outubro 2024 - 30 Xaneiro 2025
Biblioteca
Coordinación:
Carmen Bouzas, Raquel de Ana Rodríguez

Con motivo do Día Internacional das Bibliotecas, a biblioteca do CGAC acolle unha intervención de Lourdes Pérez que nos propón romper coa orde establecida para explorar doutra maneira a rede de relacións ente autores, institucións e artistas que a conforman.

Ontoloxía e beleza é unha intervención xurdida no marco do taller Pintar o espazo, pensando o lugar, impartido pola artista Almudena Fernández Fariña en novembro de 2023. A premisa era sinxela: traballar con diferentes técnicas sobre o espazo físico do CGAC para poñer de manifesto calquera aspecto institucional, político ou artístico relativo ao propio centro.

Licenciada en Xeografía e Historia pola USC e bibliotecaria de profesión, Lourdes Pérez elixiu precisamente o espazo da biblioteca e a colección que esta alberga para deseñar a súa proposta artística. A súa investigación parte dunha crítica á noción tradicional ou canónica de biblioteca como espazo confortable e aséptico destinado a custodiar e preservar o coñecemento. Así entendida, a biblioteca “arrastra toda a carga dun dispositivo foucaultiano” e isto faina impermeable a outro tipo de conexións, insólitas ou inesperadas, que favorecen o asombro e a creación.

Pero destruír a biblioteca supón non só desmantelar os seus sistemas de saber, as súas clasificacións, enunciados e formas de visualización, senón tamén imaxinar outros que están por vir. A intervención de Lourdes Pérez outórganos a posibilidade de establecer vínculos novos coas obras do seu catálogo, revisitando certos libros e mergullándonos nos límites epistemolóxicos dos seus fondos. Só así é posible evidenciar as fisuras dun saber posicionado no centro.
Ontoloxía e beleza é, sobre todo, un proxecto vivo que apela á participación activa das persoas lectoras, animándoas a imaxinar alternativas e a organizarse para facerlle fronte á violencia imposta polas estruturas de poder en todos os ámbitos do mundo contemporáneo.

 

LOURDES PÉREZ (Lugo, 1967) é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e membro da escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de bibliotecas, nesa mesma universidade.

 

DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS

Desde 1997, cada 24 de outubro conmemórase o Día Internacional das Bibliotecas, en lembranza da destrución da Biblioteca de Saraxevo incendiada en 1992 durante o conflito dos Balcáns. O lema deste ano, “Por un futuro sostible”, pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.