Presentacion catalogo Almudena Fernandez Fariña

PRESENTACIÓN DO CATÁLOGO DA EXPOSICIÓN "ALMUDENA FERNÁNDEZ FARIÑA. PISANDO CHARCOS"

26 Novembro 2024
18:30 h
Biblioteca
Prazas:
Actividade gratuíta e de acceso libre ata que se complete a capacidade da sala

O catálogo da exposición Almudena Fernández Fariña. Pisando charcos, que tivo lugar no CGAC entre xullo e setembro de 2023, propón unha completa revisión da traxectoria desta artista viguesa, que destaca sobre todo pola súa contribución ao entendemento da pintura como un xénero permeable cuxo potencial de diálogo co contexto se multiplica en virtude da súa capacidade para expandirse alén do marco.

A este labor de reavaliación e recontextualización contribúen significativamente as achegas de Susana Cendán, comisaria da exposición; Patricia Mayayo, historiadora da arte, profesora e investigadora, e a artista navarra Miren Doiz, coa que Fernández Fariña establece un suxestivo diálogo acerca dos límites e dos desafíos da pintura.

En canto ao seu deseño, esta publicación é un obxecto ateigado de detalles co que non só se buscou mostrar o traballo de Fernández Fariña, senón tamén plasmar a súa personalidade. Inspirada nos libros-obxecto creados pola artista, cuxa morfoloxía adoita desafiar o propósito para o que foron creados, revélase como un artefacto incómodo, un elemento que escapa á norma e que se resiste a ocupar o espazo que lle é propio.

A implicación de Almudena Fernández Fariña na concepción do libro foi total. A cuberta, sen ir máis lonxe, é o resultado dunha intervención directa que replica a pintura mural Flor e acanto, realizada in situ pola artista no vestíbulo do CGAC. Se a súa obra dialogaba coa do portugués Álvaro Siza Vieira, transformando o espazo por medio da pintura, a portada deste libro xoga cos vértices e cos planos para construír un artefacto no que as formas puras da arquitectura moderna chocan con esa outra tradición ornamental, feminina, e a miúdo marxinada pola modernidade.

Na presentación, ademais da artista, participan o director do centro, Santiago Olmo, e a comisaria da súa exposición no CGAC, Susana Cendán.

 

ALMUDENA FERNÁNDEZ FARIÑA (Vigo, Pontevedra, 1970) é artista, doutora en Belas Artes e docente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo). A súa formación pasa pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra (1990-1995), a School of Art and Design de Limerick (1994), a École des Beaux Arts de Le Mans (1996-1997) e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Salamanca (1997-1998).

A súa traxectoria artística comeza a mediados dos anos noventa. Desde entón, participou en exposicións monográficas en diversas galerías e a súa obra está representada en múltiples coleccións públicas e privadas. O seu traballo artístico foi recoñecido con numerosos premios e bolsas, entre os que destacan o Premio de Pintura L’Oréal (2000), a Bolsa Novos Valores (1994) ou a Bolsa da Fundación Pollock-Krasner (2001). Desenvolve un intenso labor de investigación teórica no ámbito da pintura contemporánea e entre as súas publicacións máis recoñecidas cómpre salientar Pintura site (2014).