
Este proxecto, organizado xunto á Asociación Cultural Sen Marco, trata de aplicar as teorías artísticas de Mónica Alonso e nace co desexo de poñer as manifestacións artísticas contemporáneas ao servizo dos nenos e nenas hospitalizados/as e dos seus familiares, nun intento por mellorar a súa calidade de vida durante unha situación sempre difícil. Ao involucrar os nenos e nenas no proceso creativo que supón a realización dunha obra de arte facilítase a súa estadía e lecer, ao tempo que se promove un proceso de aprendizaxe e aproximación á creación contemporánea que, á vez, implicará outras persoas relacionadas con eles (familiares, médicos, persoal hospitalario) e repercutirá directamente na mellora desa experiencia.
Iniciarase o traballo na área de lactantes onde os pais e nais recibirán unha maqueta da habitación e o apoio e seguimento dos/as integrantes da Asociación Cultural Sen Marco (comisarios terapeutas). A maqueta ofrecerase aos usuarios con todo o material necesario para que o espazo poida ser transformado no que se refire á cor, mobiliario... A redución de escala do espazo da habitación permite a visualización da totalidade e o acceso mental. Unha vez transformada a maqueta, interiorízanse as reflexións e decisións, e ese espazo transformador pasará a ser considerado como o lugar da estadía no hospital.
Con todas as maquetas realizarase unha exposición no hospital e noutros espazos e un catálogo documental recollerá todo o proceso de investigación que conleva unha proposta deste tipo. Así podería darse a coñecer o resultado do traballo e buscar os aspectos comúns que poden levar a un prototipo de habitación terapéutica ideal que axude a minimizar a vivencia nese espazo. Un proxecto pioneiro que non se limita unicamente a facer agradable o espazo senón que se constrúe coas propias decisións dos seus usuarios ao tempo que pretende ser unha terapia que axude a transformar a difícil experiencia da estadía hospitalaria nun recordo asociado á creación artística.
Terapia Habitación de Hospital é un proxecto organizado polo CGAC e a Asociación Cultural Sen Marco en colaboración co CHUS, a Fundación Andrea, a Escola Camilo José Cela.