PRÓXIMA PARADAAAAA! ARXENTINA. Talleres para familias

18 Xaneiro 2020 - 24 Maio 2020
Sábados e domingos de 11:00 a 13:00 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Sara Donoso
Prazas:
10 menores, acompañados cada un por un máximo de 2 familiares en cada taller
Matrícula:
actividade de balde con inscrición previa

2020 comeza cunha nova edición de Talleres para familias no CGAC. A actividade está dirixida a familias con nenos e nenas de entre 4 e 9 anos que queiran descubrir o amplo universo da arte contemporánea ou profundar no seu coñecemento.

Continuaremos a viaxe polo mundo indagando sobre diferentes culturas e xeitos de facer. Nesta ocasión pulsaremos o botón de parada na Arxentina, onde baixaremos para explorar o traballo de cinco artistas cuxas miradas, intereses e recursos artísticos nos darán pistas para experimentar e crear xogando co espazo, a percepción e as cores, a proporción, a distorsión, a ambientación e a ilusión sensorial.

 

PROGRAMA

COMBINACIÓNS. JULIO LE PARC
18 XANEIRO. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
19 XANEIRO. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 7 ao 17 de xaneiro
Artista pioneiro da arte cinética no ámbito mundial, Julio Le Parc experimenta con diferentes materiais desde un punto de vista lúdico e participativo. Seguindo as pegadas do artista, traballaremos con transparencias, luces e relacións cromáticas para introducirnos no mundo das ilusións e a percepción visual.

A ESCENA! MARTA MINUJIN
15 FEBREIRO. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
16 FEBREIRO. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 3 ao 14 de febreiro
Coñecida polas súas obras coloridas e reivindicativas, Marta Minujin xoga coas normas para rompelas dándolles unha volta ás convencións sociais e trata de buscar novos espazos para a arte e a vida. Inspirándonos nas súas pinturas e instalacións de estilo pop, crearemos refuxios habitables e cheos de cor onde poderemos experimentar co corpo, a luz, a pintura e a creación de novos ambientes.

UN DÍA +. LILIANA PORTER
23 MAIO. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
24 MAIO. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 13 ao 22 de maio
A mirada de Liliana Porter detense no cotián, xoga a crear pequenos universos con figuriñas e obxectos atopados. Nos seus traballos a realidade mestúrase coa ficción dando lugar a escenarios poéticos e teatrais. Nesta sesión partiremos de microelementos, os nosos propios xoguetes serán os protagonistas de novas aventuras, experimentaremos coas nocións de pequena e grande escala e recrearemos diferentes situacións e espazos a partir de pezas de maquetas.

NON TODO É O QUE PARECE. LEANDRO ERLICH
20 XUÑO. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
21 XUÑO. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 8 ao 18 de xuño
Leandro Erlich xoga coas ilusións, busca desafiar a nosa percepción a partir de imaxes sorprendentes e sen lóxica aparente. A partir desa dualidade entre o real e a súa representación, redactaremos mensaxes ocultas, descubriremos a maxia dos espellos e crearemos pequenos mundos con materiais e técnicas non convencionais.

CON COBERTURA. MARINA DE CARO
19 FEBREIRO. 2022. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
20 FEBREIRO. 2022. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición 2022: do 7 ao 17 de febreiro ata ás 13:00 h
Reflexionar sobre a expresión corporal, a cor e o deseño constitúe o principal interese de Marina de Caro. Traballando co debuxo, a instalación e a performance, a artista emprega a tea como principal recurso creativo e ofrece diferentes posibilidades de uso do material. Nesta sesión experimentaremos co noso corpo a través da música, confeccionaremos esculturas e personaxes con roupa vella e crearemos diferentes ambientes téxtiles.

 

IMPARTE

SARA DONOSO é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e graduada en Belas Artes na Facultade de Pontevedra (UVigo). Conta con experiencia pedagóxica adquirida en diferentes colexios e institucións nos que desenvolveu actividades de mediación e educación artística. Actualmente compaxina o seu traballo como coordinadora na Fundación RAC de Pontevedra coas súas colaboracións no eido da crítica de arte, o comisariado, a educación e a xestión cultural.

 

INSCRICIÓN

Os talleres son gratuítos e para participar é necesario enviar, dentro dos prazos establecidos para cada un deles, unha mensaxe por correo electrónico a cgac.prensa@xunta.gal e indicar o título da actividade na que desexan inscribirse, os nomes dos participantes, as súas idades, un teléfono de contacto e un enderezo electrónico.

Só serán admitidas as solicitudes daquelas persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación e instrucións para a conexión en liña.