DSF5678.jpg

RANIERO FERNÁNDEZ E A FOTOGRAFÍA GALEGA. SEMINARIO DE FOTOGRAFÍA

30 Novembro 2022 - 03 Decembro 2022
De 18:30 a 20:30 h
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Carmen Hermo
Dirección:
Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal
Prazas:
Entrada libre ata completar a capacidade da sala

As décadas dos cincuenta e sesenta son a idade de ouro das agrupacións fotográficas onde se desenvolvía toda a actividade fotográfica non profesional. Raniero Fernández era o presidente da máis activa delas, a Agrupación Fotográfica Gallega, mais as súas fotografías non acadaban importantes premios nos concursos porque non se axustaban á estética pictorialista imperante neles. Non obstante, o seu traballo ten hoxe un gran valor.

Neste seminario abordarase o significado das súas imaxes desde unha visión contemporánea, mais para comprendelas en profundidade cómpre contextualizalas no seu momento. Por iso, analizaranse as concepcións estéticas e a dinámica que caracterizaban as agrupacións fotográficas, e as imaxes dos fotógrafos máis relevantes da agrupación, como García Ferrer, Francisco Losada, Schmidt de las Heras, Ricard Terré, Luis Zamora ou Veiga Roel.

Na obra de Raniero están presentes múltiples aspectos da sociedade galega como o mundo do mar, o do traballo no campo, as feiras, a relixión, a emigración... De aí o interese por relacionala con propostas sobre as mesmas temáticas doutros fotógrafos históricos galegos como José Suárez, Ksado, José María Massó ou Manuel Ferrol.

O xeito, absolutamente singular, en que Raniero estruturou o seu fondo fotográfico dá pé a analizar o significado que ten o arquivo nunha disciplina como a fotografía e as posibilidades estéticas que se poden derivar do uso deste dispositivo. Neste sentido, o arquivo das fotografías de hórreos e cruceiros que Raniero realizou ao longo de toda a xeografía galega adquire hoxe un importante valor. Unha visión contemporánea destas imaxes lévanos a relacionalas con propostas de artistas moi relevantes dese momento, como a parella formada por Bernd e Hilla Becher.

Programa:

30 de novembro

Raniero Fernández. O arquivo

Análise da obra de Raniero Fernández desde unha perspectiva actual, contextualizándoa no mundo das agrupacións fotográficas.

Sesión impartida por Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal.

 

1 de decembro

O arquivo fotográfico e a arte

A fotografía popular e o estilo documental. Desprazamentos ao campo da arte: o caso de Virxilio Vieitez.

Sesión impartida por Manuel Sendón.

 

2 de decembro

Visións de Galicia a través da fotografía

Análise das propostas de diferentes traballos fotográficos que van desde as visións antropolóxicas e etnográficas até os traballos de estilo documental.

Sesión impartida por Xosé Luís Suárez Canal.

 

3 de decembro

11:00 h Visita guiada á exposición

Exposición da metodoloxía seguida para o estudo do arquivo de Raniero Fernández e doutros fotógrafos históricos. Análise da configuración da exposición e dos procesos técnicos que requiriu.

Sesión impartida por Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal.

Imparten:

Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal dirixen o Centro de Estudos Fotográficos e levan comisariando proxectos conxuntamente desde 1984. Dirixiron a Fotobienal, o proxecto Vigovisións e a Sala dos Peiraos, e comisariaron un importante número de exposicións tanto de fotografía contemporánea como histórica, entre as que se atopan as dos fotógrafos galegos Manuel Ferrol, Ksado, José María Massó, José Suárez e Virxilio Vieitez, sobre os que publicaron cadansúa monografía. Ademais, son editores de máis de corenta libros de fotografía, entre os que destacan os agrupados nas coleccións Álbum e Do Trinque (dedicada á fotografía contemporánea).

Manuel Sendón (A Coruña, 1951) é licenciado en Matemáticas e doutor en Belas Artes. Foi profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra durante 28 anos e dirixiu o Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo. En 1998, Edicións Xerais publicou o seu libro Imaxes na penumbra. A fotografía afeccionada en Galicia (1950-1965).

Como fotógrafo publicou, entre outros, os libros Cuspindo a barlovento, Casas doentes, Derradeira sesión e Espantallos. A súa obra está presente en coleccións como as do CGAC, o MNCARS, a Comunidade de Madrid, o festival Encontros da Imagem de Braga ou o Museo Maraugame Hiraide no Xapón.

Xosé Luís Suárez Canal (Allariz, Ourense, 1946) é licenciado en Filosofía e Letras e catedrático de Francés de ensino secundario. Foi profesor asociado de Fotografía na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela durante 11 anos. Participa como conferenciante en diferentes congresos e como crítico de portafolios en diferentes festivais de fotografía. Formou parte do comité asesor da Sala Minerva do Círculo de Belas Artes de Madrid en 1990 e do comité asesor e seleccionador do proxecto Cuatro direcciones (Madrid, 1991). Ademais, foi membro do xurado do primeiro Premio Nacional de Fotografía do Ministerio de Cultura en 1994.

 

Persoas destinatarias:

Docentes, estudantes, historiadores e persoas interesadas na fotografía, a arte e a antropoloxía.

Inscrición:

Entrada libre e de balde