Viaje a ninguna parte. Concha Jerez / José Iges

RESIGNIFICACIÓNS. CONCHA JEREZ / JOSÉ IGES. Performances, mesa redonda e concerto

15 Febreiro 2025 - 03 Xuño 2025
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Gema Baños
Prazas:
250. Acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade da sala

Con relevantes traxectorias individuais, Concha Jerez (As Palmas de Gran Canaria, 1941) e José Iges (Madrid, 1951) desenvolveron de forma paralela, desde hai máis de tres décadas, unha produción común que se contamina e se enriquece na diferenza das súas respectivas linguaxes. Con motivo da exposición Resignificacións, presentarán en vivo no CGAC algúns dos seus traballos individuais e conxuntos. O centro organizará ademais unha mesa redonda na que os artistas falarán sobre a evolución da súa obra con varios especialistas do eido nacional.

 

PROGRAMA

SÁBADO 15 FEBREIRO

12:00 h • PAISAJES DE 4’33” (2012)
Performance intermedia de Concha Jerez / José Iges
É sabido que hai moitos relatos posibles e que a ficción artística debería servir para socavar o “tecido consensual do real”. É o que Concha Jerez e José Iges pretenden cos sons e coas accións desta performance intermedia. Os sons veñen de lugares e tempos distantes entre si, comparten un único espazo e toman forma nel xunto a accións específicas. A operación de empregar mostras sonoras para construír novas realidades —ou máis ben novas ficcións, novos relatos— provoca unha dobre desaparición do real. Esa operación é unha translación que nos remite a eses lugares, seres ou espazos, pero ao proxectalos noutro contexto privámolos de representatividade, convertémolos en espectros deles mesmos.

 

XOVES 24 ABRIL

19:00 h • DEDICATORIAS: PRESENT-ACCIONES (2014-2025)
Performance de José Iges
Estas Present-acciones, o exemplo máis recente do traballo performativo de José Iges, baséanse nunha selección das sesenta obras sonoras dun minuto que conforman o seu proxecto Dedicatorias. En cada caso, esa selección de obras é diferente. Estamos ante unha conferencia expandida, pero tamén ante unha serie de audicións comentadas de obras dun minuto que configuran un concerto de pezas en miniatura. Neste traballo interxénero, o artista evoca os programas de radio dos anos cincuenta, con presentador-showman, especialista en inventar ruídos intensos e repetidos, música en vivo ou gravada e, sobre todo, público en directo. A todo iso súmase a fascinación de Iges pola prestidixitación e a sorpresa, ou a súa práctica respectuosa do apropiacionismo, pero tamén unha certa posta en escena do equívoco discurso dos medios e da fraxilidade dos soportes, que nos levan apenas sen pretendelo a un drama de espazos e de tempos.

19:35 h • INTERVALO ÚNICO DE TIEMPO AUTOCENSURADO (2013-2025)
Performance de Concha Jerez
Esta performance comparte co público un tempo único e irrepetible. Nela, a artista aborda o tema da autocensura, que está presente na súa obra desde 1974 e que nos últimos anos percibe cunha intensidade extrema e preocupante nas nosas sociedades democráticas. Autocensurámonos porque o que queremos dicir non é politicamente correcto, socialmente correcto ou persoalmente correcto. E calamos mediante o exercicio voluntario que autocensura o noso pensamento e a nosa vida pública e privada.

 

VENRES 25 ABRIL

19:00 h • MESA REDONDA SOBRE A OBRA DE CONCHA JEREZ / JOSÉ IGES
Participantes: Gloria Picazo (crítica de arte e comisaria de arte independente de arte contemporánea), Miguel Álvarez Fernández (artista sonoro, compositor, musicólogo, comisario de proxectos de arte sonora, ensaísta, director de cinema e produtor musical) e os artistas Concha Jerez e José Iges.
Moderadora: Alicia Murría, comisaria da exposición (historiadora, comisaria, crítica de arte, fundadora e directora da revista Artecontexto entre 2004 e 2023).

 

MARTES 3 XUÑO

20:00 h • PRÉSTAME 88 (1995)
Concerto intermedia de Concha Jerez / José Iges
Oitenta e oito son as teclas dun piano, como tamén o son idealmente as obras que os autores tomaron prestadas da literatura pianística do século XX. Eses xestos musicais teñen orixes tan diversas como a música de concerto e acción, co piano como elemento central. A forma resultante ten algo de radiofónica, se temos en conta que testemuños de compositores e musicólogos se van trenzando ao longo da peza coas obras mesmas, interpretadas en vivo ou difundidas a través de gravacións e, en ocasións, tratadas electronicamente.
Intérpretes: Ana Vega Toscano, piano e locucións; Concha Jerez, performer; José Iges, locucións e mestura