RESPIRAR A ARTE. Sesións de ioga no CGAC 2024
O obxectivo deste programa é fomentar e facilitar o diálogo entre o público e a arte contemporánea co ioga como ferramenta para a mediación.
Ao longo do ano levaremos a cabo unha serie de sesións de ioga que terán como marco as exposicións dos artistas Antón Lamazares e Mayte Vieta ou a mostra Novos Imaxinarios. Recorreremos tamén ao espazo natural do parque de Bonaval, deseñado por Álvaro Siza Vieira en colaboración coa paisaxista galega Isabel Aguirre; á escultura de Eduardo Chillida Porta da música, instalada no mesmo parque, e á suxestiva arquitectura da cuberta do CGAC, coa peza permanente de Dan Graham Triangular Pavilion como referencia.
Cada clase será creada ad hoc, de xeito que a temática das secuencias de ioga e as asanas (posturas corporais) estarán directamente relacionadas coas pezas de arte, coa arquitectura ou coa paisaxe.
Cada asana posúe unha forma xeométrica e arquitectónica exacta. Trátase dunha linguaxe simbólica que tamén aparece moitas veces no mundo da arte. Esta actividade conxugará o simbolismo do ioga co simbolismo da arte e cos lugares a onde nos leva a súa contemplación.
Paula Toimil realizará unha visita comentada ás mostras e nutrirase de conceptos, formas, cores, dimensións, materia ou luz para trasladar estes parámetros ao nosos corpos e convidar o público a vivir física, emocional e espiritualmente a arte.
Levaremos a atención cara a dentro a través da respiración e das posturas procurando un exercicio de escoita persoal que nos permita tanto aprender da arte como coidar do noso interior.
SESIÓNS
XOVES 25 DE ABRIL
Horario: 18:30 a 20:00 h
Prazo de inscrición: do 15 ao 22 de abril de 2024
XOVES 30 DE MAIO
Horario: 20:00 a 21:30 h
Prazo de inscrición: do 20 ao 27 de maio de 2024
SÁBADO 15 DE XUÑO
Horario: 10:00 a 11:30 h
Prazo de inscrición: do 5 ao 10 de xuño de 2024
MARTES 25 DE XUÑO
Horario: 20:00 a 21:30 h
Prazo de inscrición: do 12 ao 20 de xuño de 2024
MÉRCORES 16 DE OUTUBRO
Horario: 20:00 a 21:30 h
Prazo de inscrición: do 7 ao 14 de outubro de 2024
SÁBADO 30 DE NOVEMBRO
Horario: 10:00 a 11:30 h
Prazo de inscrición: do 21 ao 27 de noviembre de 2024
PAULA TOIMIL (Lalín, Pontevedra, 1983) compaxina o seu traballo de educadora de museos co de profesora de ioga. Desde 2020 é membro do Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Visitante da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, no que leva desenvolvido proxectos didácticos para máis de vinte exposicións, así como para a arquitectura e os espazos verdes do Gaiás. É diplomada en Turismo pola UDC e mestra en Educación e Museos pola Universidade de Murcia. No eido do ioga, recibiu a súa ormación nas escolas Almazen de Yoga e Escuela Internacional de Yoga, ambas a dúas avaladas por Yoga Alliance. Imparte esta disciplina en diferentes espazos de Santiago de Compostela e leva practicándoa máis dunha década.
PERSOAS DESTINATARIAS
Persoas iniciadas no ioga e interesadas no mundo da arte
INSCRICIÓN
Esta actividade é de balde. As persoas interesadas poden enviar a cgac.educacion@xunta.gal unha mensaxe electrónica. Nela deberán indicar os seguintes datos: nome, apelidos, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude.
MATERIAL
As persoas que participen nesta actividade deberán traer a súa esteira, roupa cómoda e unha manta para a relaxación final.
