RESPIRAR A ARTE. Sesións de Ioga no CGAC
RESPIRAR A ARTE. Sesións de Ioga no CGAC

RESPIRAR A ARTE. Sesións de ioga no CGAC 2025

19 Febreiro 2025 - 14 Novembro 2025
De 20:00 a 21:30

Realización do proxecto: Paula Toimil
Coordinación:
Virginia Villar
Prazas:
As prazas dispoñibles poderán variar en función das exposicións que se visiten.

O obxectivo deste programa é fomentar e facilitar o diálogo entre o público e a arte contemporánea co ioga como ferramenta para a mediación.

Ao longo do ano levaremos a cabo unha serie de sesións de ioga que terán como marco e inspiración as exposicións de artistas como Pilar Albarracín, Mar Caldas, Concha Jerez, José Iges ou Priscilla Monge.

Esta actividade, que conxuga a práctica do ioga e a experiencia da arte, explora os nexos entre o simbolismo, a abstracción, a experimentación, a emoción ou a contemplación que comparten ambas as dúas disciplinas.

Cada clase será creada ad hoc, de xeito que a temática das secuencias de ioga e as asanas (posturas corporais) estarán directamente relacionadas coas pezas de arte. Cada asana posúe unha forma xeométrica e arquitectónica exacta.

Paula Toimil realizará unha visita comentada ás mostras e nutrirase de conceptos, formas, cores, dimensións, materia ou luz para trasladar estes parámetros aos nosos corpos e convidar o público a vivir física, emocional e espiritualmente a arte.

Levaremos a atención cara a dentro a través da respiración e das posturas procurando un exercicio de escoita persoal que nos permita tanto aprender da arte como de nós.

 

SESIÓNS

MÉRCORES 19 DE FEBREIRO

Prazo de inscrición: do 10 ao 17 de febreiro

XOVES 3 DE ABRIL

Prazo de inscrición: do 24 de marzo ao 1 de abril

XOVES 26 DE XUÑO

Prazo de inscrición: do 17 ao 20 de xuño

MARTES 14 DE OUTUBRO

Prazo de inscrición: do 7 ao 10 de outubro

VENRES 14 DE NOVEMBRO

Prazo de inscrición: do 3 ao 12 de novembro

 

PAULA TOIMIL (Lalín, Pontevedra, 1983) compaxina o seu traballo de educadora de museos co de profesora de ioga. Desde 2015 é membro do Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Visitante da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, no que leva desenvolvido proxectos didácticos para máis de vinte exposicións, así como para a arquitectura e os espazos verdes do Gaiás. É diplomada en Turismo pola UDC e mestra en Educación e Museos pola Universidade de Murcia. No eido do ioga, recibiu a súa formación en escolas abaladas por Yoga Alliance como Almazen de Yoga, Escuela Internacional de Yoga e AATM Yogashala en Rishikesh. Imparte esta disciplina en diferentes espazos de Santiago de Compostela e leva practicándoa máis dunha década.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

A actividade está dirixida a persoas maiores de 13 anos iniciadas no ioga e interesadas no mundo da arte.

 

MATERIAL

As persoas que participen nesta actividade deberán traer a súa esteira, roupa cómoda e unha manta para a relaxación final.

 

INSCRICIÓN

Esta actividade é de balde. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal dentro do prazo indicado para cada sesión. Nela deberán indicar os seguintes datos: nome, apelidos, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.

Poderase inscribir un máximo de dúas persoas mediante cada solicitude (é preciso indicar todos os datos de cada participante).