Romeo y Julieta

ROMEO E XULIETA. Retransmisión en directo da ópera de Charles Gounod

13 Xuño 2026
19:30 h
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Gema Baños
Prazas:
250. Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala

O CGAC participa un ano máis na Semana da Ópera do Teatro Real de Madrid. Nesta ocasión, acollerá a retransmisión en directo de Romeo e Xulieta de Charles Gounod.

Romeo e Xulieta, o gran clásico de Shakespeare, tivo tanto éxito nos escenarios que cando, anos máis tarde, en 1597 se publicou como libro, a historia xa era moi popular. O seu impacto foi inmediato e axiña deu o salto á música, converténdose nunha obra interpretada en múltiples versións e formatos.

En 1867, Charles Gounod levouna á ópera cunha partitura emblemática que transforma o drama de Shakespeare nun espectáculo musical de grande intensidade, con algúns dos dúos de amor máis emocionantes do repertorio operístico.

A obra de Shakespeare ten unha relevante dimensión política que a ópera de Gounod deixa nun segundo plano, porque o que lle interesa ao compositor é a tensión sentimental, o mundo interior e a vida privada dos dous protagonistas. En Romeo e Xulieta, Charles Gounod combina lirismo intenso, tenrura e delicadeza con momentos dramáticos, demostrando toda a súa mestría. Entre as súas pezas máis célebres destaca o valse de Xulieta Je veux vivre (Eu quero vivir), cheo de enerxía e vitalidade, un exemplo perfecto da imaxinación melódica e do estilo romántico deste gran compositor.

Esta versión de Romeo e Xulieta, coproducida polo Teatro Real e a Opéra de París, convida o público a redescubrir unha das historias de amor máis intensas de todos os tempos convertida nun grande espectáculo.