SEMANA DOS MUSEOS 2020. “MUSEOS POLA IGUALDADE: DIVERSIDADE E INCLUSIÓN

18 Maio 2020 - 15 Novembro 2020
Horario: 19:30h Auditorio do CGAC

Este ano, o 18 de maio celebramos o Día Internacional dos Museos baixo o lema proposto polo ICOM (Consello Internacional de Museos): “Museos pola igualdade: diversidade e inclusión”.

O CGAC continúa apostando pola accesibilidade de todos os colectivos á arte e á cultura contemporáneas, implementando ferramentas de accesibilidade e levando a cabo programas de educación artística nos que se emprega a arte contemporánea como vehículo de aprendizaxe inclusiva e o museo como espazo para o encontro. Un foro no que todo o mundo pode achegar os seus coñecementos, as súas experiencias e as súas perspectivas múltiples.

Dada a situación actual, a celebración do DIM 2020 dixitalízase mediante a organización de actividades en liña. As actividades presenciais levaranse a cabo no mes de novembro.

GUÍA BÁSICA DO CGAC CON PICTOGRAMAS

18 de maio

O CGAC presenta un cartel e unha guía básica do CGAC co apoio de pictogramas para o acceso á información e o achegamento á arte das persoas con TEA (Trastorno do Espectro do Autismo). A guía poderá consultarse na recepción do CGAC e nesta ligazón.

TALLER EN LIÑA AULA DIVERSA. CORPO EXPRESIVO - CORPO ARTICULADO

20 de maio

Horario: de 17:00 a 19:00 h

O taller Corpo expresivo-corpo articulado forma parte do programa Aula diversa. Un proxecto dirixido por Adriana Pazos Ottón para acadar a integración de persoas con diversidade funcional a través da arte contemporánea.

Durante a sesión traballaremos a linguaxe corporal e a xestualidade e revisaremos expresións físicas que facemos inconscientemente a diario para coreografar a experiencia.

As claves desta proposta son o espertar corporal, a improvisación e a exploración das posibilidades expresivas do espazo que nos rodea e das propias ferramentas que nos ofrece a plataforma en liña.

PERSOAS DESTINATARIAS: Poderán participar todas aquelas persoas interesadas na arte e na expresión corporal.

INSCRICIÓN: O programa é de balde e para participar é necesario escribir a cgac.educacion@xunta.gal e indicar o nome do colectivo ou persoas participantes, as súas idades, as súas necesidades, o nome da persoa responsable, un teléfono de contacto e un enderezo de correo electrónico.

As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.

CONCERTO TREATISE DE SUELEN ESTAR QUARTET

15 de novembro

Horario: 19:30 h

Auditorio do CGAC

Este mes de novembro sumámonos á comunidade internacional nunha segunda convocatoria para celebrar a Noite dos Museos e o 74.º aniversario do ICOM (Consello Internacional de Museos) cun concerto de música contemporánea.

TREATISE

Violín, viola, violonchelo e contrabaixo

Teatrise é unha partitura gráfica de notación non convencional composta polo compositor inglés Cornelius Cardew entre 1963 e 1967. Unha obra considerada un fito na música dos nosos días onde conflúen liñas, formas xeométricas, números e símbolos. A composición, cun alto interese visual carente de instrucións explícitas sobre a súa forma de interpretación, deixa os intérpretes que fagan as súas investigacións e atopen as súas propias correspondencias entre a gráfica e os sons para desenvolver obras únicas.

Suelen Estar Quartet presenta unha versión desta obra e ofrece, ademais da súa inédita e particular versión en cuarteto de corda, un espectáculo completo coa proxección da partitura orixinal en tempo real, propiciando un achegamento visual e sonoro do público á obra de Cornelius Cardew.

Suelen Estar Quartet nace en 2011 formado por músicos profesionais galegos coa vontade común de desenvolver propostas musicais de carácter experimental ligadas á improvisación libre e á música contemporánea. Os seus integrantes son Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (viola), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo). Nestes anos participaron en festivais como o TPS na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, Imaxina Sons de Vigo, WOS , BINNAR de Portugal, ou os festivais Alt e Zarata de Madrid. Colaboraron con agrupacións de jazz como Sumrá Trío, a ensemble de música contemporánea Vertixe Sonora e con artistas sonoros como Christina Vantzou, Dorian Wood e Pablo Rega, entre outros. Así mesmo, traballaron coa coreógrafa e bailarina Mónica García na creación do espectáculo Nielheim.

 

INSCRICIÓN

O programa é de balde e para participar é necesario inscribirse con antelación enviando unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal, na que se indique o nome completo, un teléfono de contacto e un enderezo de correo electrónico.

No caso de que queden prazas libres poderanse cubrir o propio día do concerto facendo unha chamada previa á recepción do CGAC (tel. 981 546 619) para rexistrarse.

As prazas cubriranse por orde de inscrición.