sesión didácticas infanti

SESIÓNS DIDÁCTICAS PRESENCIAIS PARA SEGUNDO CICLO DE EDUCACIÓN INFANTIL. FAI O TEU MUSEO

04 Setembro 2023 - 21 Xuño 2024
Prazas:
máximo 25 persoas
Duración:
90 minutos

O obxectivo desta actividade é estimular o interese dos máis pequenos pola creación artística contemporánea e que aprendan experimentando coa arte.

Nestas sesións didácticas presenciais, que terán lugar no CGAC, realizaremos unha presentación con imaxes de diferentes tipoloxías de museos contemporáneos.

As nenas e os nenos participantes poderán ver exemplos das obras de arte que acollen estes espazos e das múltiples posibilidades creativas que existen na arte actual. Combinaremos a mostra de imaxes con dinámicas corporais dirixidas ao alumnado. A continuación, tomarán parte nun obradoiro no que construirán o seu propio minimuseo coa súa particular exposición de pintura, escultura ou instalación artística

Persoas destinatarias:

Alumnado de segundo ciclo de educación infantil

Inscrición:

A actividade é de balde e, para participaren, é preciso que os centros interesados envíen a onlinecgac@gmail.com unha mensaxe electrónica coa seguinte información: nome do centro educativo e da persoa responsable, número de persoas de que consta o grupo, curso ou idade das persoas participantes, día e hora en que desexan realizar a sesión, un número de teléfono e un enderezo electrónico de contacto.