SURREALISMO E CINEMA EXPERIMENTAL EUGENIO GRANELL

Son moitos os pintores que, como Granell, mantiveron unha estreita relación co celuloide, sobre todo no ámbito experimental, tanto é así que a maioría dos innovadores das vangardas históricas procedían do campo da pintura: Man Ray, Viking Eggeling, Walter Ruttmann, Marcel Duchamp, Fernand Léger, Jean Cocteau..., case todos pertencentes aos movementos dadaísta e surrealista.

Non é de estrañar que un creador, cuxa traxectoria vital influíu tan directamente na súa produción, se sinta atraído e engaiolado pola imaxe. Sen dúbida o contorno, non só entendido como o conxunto dos lugares que habitamos, senón tamén como unha situación global que supón unha época de grandes fracturas no ámbito do pensamento e da creación, favorece a disolución dos límites interdisciplinares.

As fontes para entender o traballo cinematográfico de Granell atopámolas nuns escritos que paulatinamente estudan referentes e contextos en relación inevitable con outras propostas do artista, especialmente coa pintura e a literatura. Neste sentido, os textos xornalísticos e de investigación documentados xa nos anos corenta, deixan patente o interese de Granell pola indagación no campo do cinema e constitúen un compendio de pensamento relacionado directamente co xerme da creación do seu traballo fílmico.

Este seminario explora o terreo do cinema experimental e surrealista, tomando a produción granelliana como pretexto para analizar o contexto galego, español e internacional a partir da aparición dos devanditos materiais.

PROGRAMA

16:30 h Alberte Pagán. Arqueoloxías cinematográficas

17:15 h Fernando Castro Flórez. Granell: escritor insular, anfitrión surreal

18:00 h Descanso

18:15 h Perfecto Cuadrado Fernández. You Are Welcome to Elsinore

19:00 h Mesa redonda con Fernando Castro Flórez, Perfecto Cuadrado Fernández e Alberte Pagán. Moderada por Miguel von Hafe Pérez

Perfecto Cuadrado Fernández. Investigador, crítico e tradutor. É catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade das Illas Baleares e coordinador do Centro de Estudos do Surrealismo da Fundação Cupertino de Miranda. Entre as súas obras destacan Modernidad y vanguardia en la poesía portuguesa contemporánea: perspectiva histórica del surrealismo portugués (tese de doutoramento), Fernando Pessoa: máscaras y paradojas, You Are Welcome to Elsinore: antologia da poesia surrealista portuguesa (segunda edición titulada A única real tradição viva), Poesia portuguesa do século xviii: estudo e antologia ou Mário Cesariny. Foi comisario e editor dos catálogos de diversas exposicións, entre outras, Surrealismo em Portugal 1934-1952 (con María Jesús Ávila) e Cartografía surrealista: território Eugenio Granell (con António Gonçalves).

Alberte Pagán. Escritor e cineasta. Ten publicado libros sobre o cinema de Granell e o de Andy Warhol, e sobre Finnegans Wake, a derradeira novela de James Joyce, da que traduciu ao galego os dous primeiros capítulos. Como cineasta, as súas películas foron premiadas no Festival Play-Doc e no Premio de Cine-Ensaio Roman Gubern. Foi comisario, ademais, de diversas exposicións sobre cinema experimental e é autor do libro Introducción aos clásicos do cinema experimental, 1945-1990, publicado polo CGAC, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe, en 1999.

Fernando Castro Flórez. Profesor titular de Estética e Teoría das Artes na Universidade Autónoma de Madrid. Escribiu crítica literaria e de arte en diversos periódicos. É director da revista Cuadernos del IVAM e columnista de Descubrir el arte. Foi comisario de máis dun cento de exposicións como a Trienal de Chile, a Bienal de Curitiba, o Pavillón de Chile na Bienal de Venecia (2011) ou a Bienal de Cuenca (Ecuador). Publicou monografías sobre artistas como Nacho Criado, Pablo Palazuelo, Imi Knoebel, Andy Warhol, Eugenio Fernández Granell, etc. Entre as súas obras destacan Elogio de la pereza: notas para una estética del cansancio, El texto íntimo: Kafka, Rilke, Pessoa, Escaramuzas: el arte en el tiempo de la demolición, Una “verdad” pública: consideraciones críticas sobre el arte contemporáneo, Fasten Seat Belt. Cuaderno de campo de un crítico de arte, Pablo Picasso: el rey de los burdeles e Joan Miró: el asesino de la pintura.

DIRECCIÓN: Eduardo Valiña

COORDINACIÓN: Gema Baños

DESTINATARIOS: Estudantes e profesionais dos ámbitos da creación artística, a historia da arte e as belas artes, e persoas interesadas na figura de Eugenio Granell, no cinema experimental e no surrealismo.

PRAZAS: Até completar capacidade.

INSCRICIÓN: As solicitudes para asistir ao seminario pódense presentar na recepción do CGAC, chamando aos teléfonos do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos (981 546 631/623) ou ben a través do correo electrónico cgac.pedagogia@xunta.es, indicando os seguintes datos: nome, enderezo postal e electrónico, teléfono de contacto e ámbito de estudo ou traballo.

MATRÍCULA GRATUÍTA