Taller audiovisual Fóra de campo
Dirixido polo artista Diego Santomé
Para maiores de 14 anos
15-18 de xullo / 11:00-13:00 h / 20 prazas
Consumimos e producimos moitas imaxes diariamente, pero boa parte delas quedan esquecidas de contado. Neste taller poderás aprender o proceso de traballo co son para narrar a partir de imaxes, crear relacións e/ou pequenos relatos audiovisuais. Se queres, podes traer algún aparello que che permita filmar en vídeo (móbil, cámara dixital...) ou ben algún arquivo con material xa gravado. Se tes curiosidade por coñecer como funcionan as relacións entre a imaxe e o son, poderás visitar a exposición de Diego Santomé no CGAC e coñecer, na compañía do artista, a súa produción máis recente.
Taller de arquitectura 2 en 1
Dirixido polo arquitecto Fermín Blanco
Para rapaces e rapazas de 10 a 12 anos 21-24 de xullo / 11:00-13:00 h / 20 prazas
2 en 1 é un laboratorio de ideas e xogo a través do cal poderás explorar as características arquitectónicas do CGAC e o Museo do Pobo Galego, facendo unha viaxe pola historia a través dos seus espazos, os xardíns, os patios e as fachadas. Co sistema de construción LUPO, descubrirás os segredos que agochan estes edificios, as diferentes vidas e usos que tiveron, mergullándote na súa historia a través dun proxecto propio cheo de sorpresas.
Taller de animación con Playmobil Claqueta 1
Dirixido pola animadora audiovisual Raquel Ramos Para nenos e nenas de 7 a 9 anos
29 de xullo - 1 de agosto / 11:00-13:00 h / 20 prazas
Que hai detrás dos debuxos animados? Se queres sabelo e coñecer aspectos básicos da animación que che permitirán facer as túas propias creacións, neste taller poderás aprender a facer unha película animada cuns protagonistas excepcionais: os Playmobil. Con estes personaxes, terás que construír a túa propia historia e crear para ela os escenarios axeitados. A técnica do stop motion permitirache mover os protagonistas e darlle vida ao teu guión.
Taller Pequenos artistas no CGAC: xogando, experimentando e creando
Dirixido por Patricia Núñez Sánchez e Natalia Lampón Pimentel Para nenos e nenas de 4 a 6 anos
5-8 de agosto / 11:00-13:00 h / 15 prazas
Ideas, diferentes tipos de personaxes, xogos, e moita imaxinación. Este taller, dirixido aos máis pequenos, quere favorecer a aproximación dos máis novos á arte contemporánea que se amosa nas salas do CGAC. Fomentando a observación e o espírito crítico, os nenos e nenas poderán experimentar con texturas, volumes, etc. e elaborar un autorretrato-carpeta coa técnica da estampación.
INSCRICIÓN
Todos os talleres son gratuítos.
As solicitudes de inscrición poderán presentarse a partir do martes 8 de xullo de 10:00 a 14:00 h chamando aos teléfonos do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos (981 546 602 / 623) ou a través do enderezo electrónico cgac.educacion@xunta.es.
As solicitudes deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade da persoa ou persoas participantes, número de teléfono e enderezo de correo electrónico de contacto, e nome do taller no que desexan inscribirse. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude.
Cada unha das persoas solicitantes recibirá un correo electrónico de confirmación no que se lle indicará cal é o estado da súa solicitude.
COORDINACIÓN: Gema Baños, Cristina Trigo, Virginia Villar
