Este verán o CGAC ofrece diferentes talleres creativos para nenos e nenas de idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos.
Os rapaces e rapazas que participen nestes talleres de lecer poderán experimentar e coñecer algunhas das claves da arte contemporánea, adquirir ferramentas para a creación, estratexias artísticas, reflexionar sobre a arte e, sobre todo, gozar co proceso.
As educadoras Candela Rajal e Lara Torres dirixirán tres talleres plásticos a partir da exposición Pouco a pouco, de Ângela Ferreira, e da mostra colectiva We Refugees.
Crearemos esculturas, instalacións e traxes, interviremos a natureza e pintaremos sobre a paisaxe. Adentrarémonos na arte postal e na cartografía desde unha óptica creativa e enfrontarémonos a novos mundos nos que deberemos refuxiarnos. E iso todo empregando como marco diferentes espazos da arquitectura de Álvaro Siza Vieira e da súa contorna, como a cuberta do edificio ou os xardíns do parque de Bonaval.
Planeta invisible
Do 2 ao 5 de xullo
Horario: de 11:00 a 12:30 h
Dirixe: Lara Torres
Para nenos e nenas de 4 a 6 anos
Prazas: 15
O espazo do taller converterase nun mundo no que refuxiarnos. Será un universo que apareza e desapareza segundo a luz coa que o miremos. Podería desaparecer o mundo que coñecemos? Por que?
Os nenos e nenas realizarán unha paisaxe invisible que só se poderá percibir con luz ultravioleta. Ademais precisaremos refuxios para facer confortable e seguro este novo planeta no que nos atopamos.
Construiremos pequenas cabanas e kits de supervivencia e imaxinaremos e modelaremos os pequenos habitantes do planeta invisible.
Viaxe africana
Do 9 ao 12 de xullo
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Dirixe: Candela Rajal
Para nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazas: 20
Partiremos da exposición da artista mozambicana Ângela Ferreira Pouco a pouco, centrada na cultura africana e no colonialismo.
Realizaremos unha pequena viaxe a África para coñecer o traballo de diferentes artistas deste continente. Crearemos esculturas, instalacións e traxes. Pintaremos sobre a paisaxe e interviremos a natureza. Internarémonos no mundo da arte postal e a cartografía creativa e enfrontarémonos a novos mundos nos que debemos refuxiarnos.
Todas as actividades deste taller estarán vinculadas á arte africana, ás súas cores, materiais e relatos.
Saír a flote
Do 16 ao 19 de xullo
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Dirixe: Lara Torres
Para nenos e nenas de 10 a 12 anos
Partiremos do seguinte suposto: os polos derretéronse e nós atopámonos nun mundo asolagado. Todas as persoas superviventes somos refuxiadas e temos que convivir nun mundo sen fronteiras.
Construiremos os nosos refuxios adaptados ao medio. Un mundo de casas flotantes capaces de navegar e de vivendas subacuáticas que debemos construir cos materiais que atopemos á deriva.
Crearemos paisaxes mariñas e submarinas para proxectalas sobre as construcións e recrear o aspecto deste novo contexto vital.
Este mundo precisa de novas leis, poñámolas.
INSCRICIÓN
Todos os talleres son de balde.
As solicitudes de inscrición poderán presentarse a través do enderezo electrónico cgac.educacion@xunta.gal e deberán conter os seguintes datos: nome completo e idade da persoa ou persoas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico e título do taller no que desexan inscribirse.
Para participar nos talleres é imprescindible ter a idade sinalada. Poderase inscribir un máximo de dous participantes por solicitude. O CGAC confirmará mediante un correo electrónico a recepción e o estado das inscricións.
COORDINACIÓN: Virginia Villar
