Lecer 2023

TALLERES DE LECER 2023

04 Xullo 2023 - 28 Xullo 2023
Coordinación:
Gema Baños
Matrícula:
actividade de balde con inscrición previa

Como todos os anos, o CGAC presenta a súa oferta estival de talleres de lecer. Estes talleres están pensados para que os nenos e as nenas de 4 a 12 anos reflexionen sobre a importancia da arte, comprendan mellor o mundo que os rodea e teñan a oportunidade de se implicar nos procesos creativos e, ademais, para que coñezan, se comuniquen e experimenten con múltiples soportes, linguaxes, técnicas e conceptos da arte contemporánea.

Ao longo do mes de xullo, as persoas participantes poderán mergullarse nos misterios do triángulo das Bermudas da man da artista e educadora Haya Blanco. O equipo de Vermislab introduciraos nos coñecementos básicos sobre electrónica aplicados á arte. Coa educadora Vera Fernández, explorarán os límites sensoriais das obras de arte. Susana Varela, pola súa vez, propón un taller de fotografía para aprender a alterar imaxes, editalas, facer superposicións ou xogar con ilusións ópticas.

As salas de exposicións e outros espazos do CGAC e da súa contorna, como os xardíns do parque de Bonaval, servirán de escenario para a experimentación artística e a aprendizaxe.

 

PROGRAMA

UNHA OBRA SAÍDA DO TRIÁNGULO DAS BERMUDAS
Quenda I: 4 e 5 de xullo
Quenda II: 6 e 7 de xullo
Horario: de 11:00 a 12:30 h
Idade: de 4 a 6 anos
Prazas: 15 en cada quenda
Imparte: Haya Blanco Fuentes

As historias que rodean o triángulo das Bermudas están ateigadas de misterio. Son como un gran caixón sen fondo onde gardamos moitas cousas que despois non somos quen de recuperar.
Imos poñernos mans á obra para rescatar pezas, xoguetes rotos e outros elementos que dabamos por perdidos dentro dese misterioso espazo e con eles comporemos un gran mosaico. Empregando todos os elementos que conseguimos reunir e que, aparentemente, non teñen moito en común entre eles, crearemos a nosa obra de arte tridimensional.
Faremos tamén un mural de cores deixando que o ritmo da música guíe o movemento das nosas mans ao pintar. Levarémolo a cabo de xeito individual e tamén consecutivo, coma nun xogo de remudas. Iremos máis alá do soporte, furándoo e introducindo elementos que o atravesen e que lle confiran volume e ritmo.

 

ARTE ROBÓTICA
11,12,13 e 14 de xullo
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Idade: de 7 a 8 años
Prazas: 20
Imparte: Vermislab

Ao longo de catro días, os nenos e as nenas aprenderán como funcionaa electricidade e a electrónica básica. Farán deseños combinando estas técnicas con plastilina condutiva e crearán pequenas esculturas con luces led incorporadas.
Construirán un robot pintor con material reciclado e cun motor que lles aprenderemos a conectar. Finalmente, con todo o aprendido, crearán un mural no que mesturarán estas aplicacións con diversos materiais e pintura.

 

SUPERAR OS MARCOS, CONQUISTAR O MUNDO
18, 19, 20 e 21 de xullo
Horario: de 11:00 h a 13:00 h
Idade: de 9 a 10 anos
Prazas: 20
Imparte: Vera Fernández Suárez

A partir da obra de Almudena Fernández, achegarémonos a ununiverso onde as cores, as tramas, a escritura, a iconografía pop e os obxectos cotiáns teñen moito que dicir.
A través de diferentes técnicas experimentaremos como a arte pode chegar a exceder as súas propios límites invadíndoo todo.
Debuxaremos caligrafías tridimensionais con arame. Sairemos ao parque de Bonaval e faremos unha instalación na natureza creando tramas entre as árbores, entrelazando cordas e tecendo unha rede.
Cos ollos vendados e combinando materiais reciclados con outros recollidos na natureza, comporemos unha obra de arte táctil na que se mesturarán diversas texturas.

 

MÚLTIPLES XEITOS DE VER
26, 27 e 28 de xullo
Horario: de 11:00 h a 13:00 h
Idade: de 11 a 12 anos
Prazas: 15
Imparte: Susana Varela Negro

Na exposición Traballo en equipo. Unha historia posible do CGAC, hai varios exemplos de artistas que traballan con imaxes de distintos espazos do edificio deseñado polo arquitecto Álvaro Siza Vieira.
Ao longo destes tres días, os asistentes a este taller dedicado á fotografía aprenderán a editar as súas propias imaxes. Experimentarán con técnicas de alteración da realidade como ferramentas para a edición dixital, a dobre exposición, a manipulación e a composición de imaxes, creando composicións sorprendentes e surrealistas. A través do uso de técnicas como o colaxe e as metáforas visuais, aprenderán a expresar as súas emocións e a comunicar ideas de forma única. Ademais, fotografarán espazos do CGAC para despois alterar as imaxes facendo superposicións inspiradas nas obras de Roland Fischer ou crear ilusións ópticas, como fai nas súas pezas o artista Nicolás Combarro.

 

REALIZACIÓN DO PROXECTO

Haya Blanco, Vera Fernández, Susana Varela e Vermislab

 

INSCRICIÓN

As solicitudes de inscrición poderán presentarse desde o 19 ata o 30 de xuño ás 13:00 h, a través do enderezo electrónico cgac.pedagogia@xunta.gal.
As solicitudes deberán conter os seguintes datos: o nome completo e a idade dos nenos e das nenas participantes, un número de teléfono e un enderezo de correo electrónico de contacto, o título do taller no que desexan inscribirse e o nome e número de DNI das persoas autorizadas para recoller os menores no CGAC unha vez finalizada a actividade.
Poderanse inscribir un máximo de dous participantes por solicitude.
O CGAC confirmará mediante unha mensaxe electrónica a recepción e o estado das inscricións.