Talleres de lecer 2025

TALLERES DE LECER 2025

01 Xullo 2025 - 18 Xullo 2025
Coordinación:
Virginia Villar
Matrícula:
actividade de balde con inscrición previa

Co verán chegan os talleres de lecer do CGAC. Unha actividade na que persoas de todas as idades poderán achegarse ao museo para crear, descubrir, poñer en común, experimentar e coñecer diversas disciplinas, temáticas, técnicas, conceptos e procesos, da man de artistas e educadoras da arte.

Nesta edición, comezaremos desentrañando o universo cinematográfico, construiremos un xogo como motor para a creatividade, deseñaremos fanzines e remataremos facendo un ocorrente exercicio literario para retratar as nosas vidas.

 

PROGRAMA

CÁMARA E FICCIÓN!
TALLER DE CINEMA
Datas: do 1 ao 4 de xullo
Horario: de 11:00 a 12:30 h
Persoas destinatarias: nenos e nenas de 4 a 6 anos
Prazas: 15
Imparte: Sofía Mediero
Prazo de inscrición: do 9 ao 27 de xuño

Este taller é un convite a imaxinar e crear a través do medio audiovisual. O cine, ademais de entreter, pode ser unha poderosa ferramenta educativa, xa que lles ofrece aos nenos e ás nenas a posibilidade de desenvolver o pensamento crítico, a atención e a sensibilidade artística alén de proporcionarlles múltiples modos de mirar o mundo que teñen arredor.

Partindo de fragmentos de películas, curtas de animación, xogos de luces e sombras e pequenas prácticas cinematográficas, exploraremos a capacidade do cinema para a expresión e a comunicación. O obxectivo desta actividade é estimular a creatividade e a capacidade de interpretación do público infantil, ao que lle permite familiarizarse coa linguaxe audiovisual de xeito lúdico e adaptado á súa idade.

Aproveitaremos os espazos arquitectónicos deseñados por Álvaro Siza, as exposicións do CGAC e a súa contorna como escenarios vivos para experimentar co encadramento, o movemento e a luz.

 

TIRO PORQUE ME TOCA
TALLER DE PLÁSTICA, SON E EXPRESIÓN CORPORAL
Datas: do 8 ao 11 de xullo
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Persoas destinatarias: nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazas: 20
Imparte: Lucía Amoedo
Prazo de inscrición: do 9 de xuño ao 4 de xullo

A raíz da mostra Resignificacións, exposta no CGAC, introducirémonos no universo dos artistas Concha Jerez e José Iges rescatando, coma eles, elementos populares e icónicos da nosa infancia. Para isto, realizaremos un gran xogo no que iremos desbloqueando diferentes niveis ao longo de catro días. Nesta proposta, conceptos como a linguaxe, os recordos, a sonoridade, a performance ou o traballo en equipo serán fundamentais para poñer en práctica a creación artística e avanzar no taboleiro.

Construiremos o retrato sonoro da cidade, experimentaremos coas nosas lembranzas e recrearemos diversas obras de arte contemporáneas. A creatividade será a chave para mover as distintas fichas neste xogo cheo de actividades e propostas que permitirán experimentar con diversos materiais, ideas e espazos do museo e da súa contorna.

 

SON FAN
TALLER DE FANZINES
Datas: do 15 ao 18 de xullo
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Persoas destinatarias: a partir dos 10 anos
Prazas: 15
Imparte: Diego Estebo
Prazo de inscrición: do 9 de xuño ao 11 de xullo

Os fanzines son unha das maiores expresións da corrente Do It Yourself (“Faino ti mesmo”). Só se precisa unha fotocopiadora e algo que contar.

Estas autopublicacións son un medio amateur elaborado por e para amantes dos cómics, da música, da literatura, da arte urbana… E non hai límite para as temáticas que podemos tratar nin para a idade á que podemos comezar a facelos.

Durante o taller achegarémonos brevemente á historia dos fanzines para recoller ideas e ver exemplos dos múltiples formatos e contidos posibles. E como a mellor forma de iniciarse de xeito activo no mundo dos libros é facer un, poñerémonos mans á obra pensando no conxunto da nosa publicación: De que queremos que trate? Cantas páxinas precisamos para contar o que queremos contar? Como podemos facelo?

 

AUTOBIOGRAFÍA CUANTIFICADA (OU QUE DIFÍCIL É SER UNHA MESMA!)
TALLER DE ESCRITURA CREATIVA
Data: do 22 ao 24 de xullo
Horario: de 11:00 a 13:30 h
Persoas destinatarias: adultas (non é preciso ter experiencia)
Prazas: 15
Imparte: María Meijide
Prazo de inscrición: do 9 ao 27 de xuño

Este é un obradoiro de narrativa autobiográfica rápida pero tamén un convite ao xogo.

Comezará a artista María Meijide e, o que leas sobre ela, será unha pregunta para ti.

As persoas participantes serán convidadas a escribir breves relatos autobiográficos cunha estrutura lúdica á maneira dos exercicios da Oulipo francesa.

Organizaremos as palabras coma se fosen listas da compra, manuais ou formularios de representación: En cantos sitios viviches? Cantas veces te mudaches? Organiza os teus odios de menor a maior…

Facéndonos eco das experiencias vividas, tentaremos enraizar estas pezas autobiográficas no presente. Escribiremos a historia breve das nosas vidas nos últimos anos.

 

INSCRICIÓN

Os talleres son de balde. As solicitudes de inscrición poderán presentarse a cgac.educacion@xunta.gal mediante unha mensaxe electrónica e deberán conter os seguintes datos: o nome completo e a idade das persoas participantes, un número de teléfono e un enderezo electrónico de contacto e o título do taller no que desexan inscribirse. No caso dos talleres dirixidos a menores de idade, hai que engadir ademais o nome e o número de DNI das persoas autorizadas para recollelos no CGAC unha vez finalizada a actividade.

Poderase inscribir un máximo de dúas persoas participantes por solicitude. O CGAC confirmará a recepción e o estado das inscricións mediante unha mensaxe electrónica.