TALLERES DE NADAL 2014

22 Decembro 2014 - 30 Decembro 2014
Este Nadal o CGAC presenta dous talleres impartidos polos artistas Xesús Carballido e Rebeca Mariño dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos.Nesta edición, os participantes poderán reflexionar sobre a importancia da arte para comprender o mundo que os rodea a partir das mostras de Carlos León e Rosendo Cid e da súa vinculación co obxecto artístico.

A actividade dálles aos máis pequenos a oportunidade de vivir e explorar a arte contemporánea da man de artistas e outros profesionais da cultura. Poden xogar, coñecer, comunicarse e mergullarse nos procesos creativos a través de linguaxes, soportes, técnicas e conceptos propios da arte máis actual.

Se o tempo o permite, algúns espazos do centro e da súa contorna, como a cuberta do edificio e os xardíns do parque de Bonaval, servirán de marco para o desenvolvemento dos talleres.

Taller Cativarte
22 e 23 de decembro de 2014
Idade: 4-6 anos
Horario: 11-13 h
Prazas: 20

Xesús Carballido propón crear a partir dos materiais cotiáns que os pequenos teñan na casa. Traballarán cos seus propios xoguetes rotos, con contos vellos ou con esas outras cousas que adoitamos tirar ao lixo ou gardar eternamente para usalas nalgún momento (chaves, abelorios, clips, botóns…). Con esa materia prima tan especial crearán un cadro tridimensional persoal mesturando diversas técnicas artísticas como o debuxo, a pintura, a colaxe e a ensamblaxe.

Prazas esgotadas


Taller Teutropo
29 e 30 de decembro de 2014
Idade: 7-9 anos
Horario: 11-13 h
Prazas: 20

Durante séculos buscáronse distintos xeitos de reproducir a realidade. O desexo de captar o movemento supuxo un longo camiño e un reto para a humanidade. O descubrimento do cine facilitou esta experiencia: o movemento conseguiu dotar as imaxes de vida propia. Neste obradoiro achegarémonos á imaxe en movemento mediante o deseño de diferentes xoguetes ópticos. A través do debuxo, da fotografía e do uso do noso propio corpo como modelo crearemos fotogramas para os nosos enxeñosos aparellos. Os asistentes costruirán traumatropos, zootropos e os seus propios tropos.

Prazas esgotadas


INSCRICIÓN: Os talleres son gratuítos. As solicitudes de inscrición poderán presentarse a partir do 1 de decembro enviando unha mensaxe de correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es. As persoas interesadas deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade dos nenos e nenas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico, e nome do taller no que desexan inscribirse. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. Cada unha das persoas solicitantes recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación, na que se lle indicará cal é o estado da súa solicitude.

COORDINACIÓN: Virginia Villar.

Os asistentes deberán traer roupa de abrigo e de choiva ou paraugas para saír ao exterior.