Este Nadal o CGAC prepárase para acoller dous talleres dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos arredor das suxestivas exposicións das artistas Eva Lootz e Berta Cáccamo.
Para os máis pequenos, a bailarina-performer Marina Oural deseñou un taller de movemento no que os corpos dos participantes dialogarán, por unha banda, cos espazos envolventes e sensoriais da mostra Cut Through the Fog de Eva Lootz e, por outra banda, coa pintura monumental de Berta Cáccamo na exposición Expansión ensaio.
Os nenos e nenas de 7 a 9 anos traballarán coa educadora Candela Rajal nun taller de experimentación creativa con materiais comúns. Os participantes partirán do interese de Eva Lootz e de Berta Cáccamo pola materia para investigar eles mesmos o comportamento de elementos como a auga, a area, a pedra, a cera... as súas propiedades e as súas posibilidades expresivas.
Taller de danza. A danza da faba máxica
28 e 29 de decembro de 2016
Dirixido por Marina Oural
Idade: 4-6 anos
Horario: 11:00-13:00 h
Prazas: 15
Neste taller de movemento os nenos e nenas experimentarán a través do seu corpo as sensacións que desprenden a natureza e a arte. Poderán sentirse auga, vento, terra, sol... Traballarán a escoita activa, a presenza e a ausencia, a pesadez e a lixeireza, a verticalidade e a horizontalidade, o tacto e o contacto, o intercambio de roles, a cor, a palabra e a poesía. Deixaremos que o corpo fale creando unha peza escénica coa obra de Eva Lootz e de Berta Cáccamo como marco.
Taller de creación. Extrapictóric@s
3 e 4 de xaneiro de 2017
Dirixido por Candela Rajal
Idade: 7-9 anos
Horario: 11:00- 13:00 h
Prazas: 20
INSCRICIÓN: A inscrición nos talleres é gratuíta. As solicitudes deberán enviarse a través do correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es. As persoas interesadas deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade dos nenos e/ou nenas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico e nome do taller no que desexan participar. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. Os asistentes deberán traer roupa de abrigo e de choiva ou paraugas para poder saír ao exterior.
COORDINACIÓN: Virginia Villar
