TALLERES EN COLABORACIÓN CO BARRIO DE SAN PEDRO
Un ano máis, o CGAC e o barrio de San Pedro únense para celebrar as súas populares festas cunha interesante proposta de actividades. Con este motivo, o museo organiza sendos talleres de creación colaborativa deseñados para acoller un fluxo continuo de xente durante dúas horas. O público poderá rematar o seu traballo nun e tomar parte no outro.
EU RECORTO, TI PEGAS. TALLER DE COLAXE COLABORATIVA
Imparte: Diego Estebo
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Lugar: Aula de Educación Artística do CGAC
Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala
Este taller, dirixido polo ilustrador Diego Estebo, parte dunha idea sinxela: introducir o azar e a colaboración como motores creativos. A miúdo, cando unha obra bloquéase, basta con cambiar as regras do xogo para que aparezan novas posibilidades. Aquí, ese cambio xorde ao compartir o proceso con outras persoas.
Disporemos enriba dunha mesa recortes de cartolinas de cores, moitos deles procedentes de descartes e restos de traballos anteriores do ilustrador. Con estas formas e un pouco de pegamento, as persoas participantes poderán crear as súas propias colaxes. Elas non elixirán que recortar e el non controlará o resultado final. Ese intercambio xera un espazo creativo compartido no que se dilúe a fronteira entre artista e público.
Para garantir o dinamismo da actividade e facela accesible a todas as persoas interesadas, cada participación terá un tempo limitado de entre 5 e 15 minutos.
PINTO PORQUE ME TOCA. TALLER DE CADÁVERES EXQUISITOS
Imparten: Lucía Amoedo e Sofía Mediero
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Lugar: Espazo de Proxectos do CGAC
Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala
Os cadáveres exquisitos eran unha técnica surrealista de creación colectiva na que cada membro do grupo realizaba a súa parte da obra sen coñecer por completo as outras partes.
Neste taller para todos os públicos faremos un cadáver exquisito a grande escala.
Despregaremos un rolo de papel continuo sobre o chan e ao longo de diferentes espazos do CGAC. Á medida que as persoas se acheguen e vaian colaborando iremos avanzando polo edifico subindo ou baixando escaleiras, bancos ou varandas, percorrendo a arquitectura de Álvaro Siza coa nosa creación conxunta.
Como funciona? Unha persoa fai algo no papel e, a continuación, este enrólase de maneira que a seguinte só poida ver os trazos finais da intervención anterior. Ademais, cada participante engadirá unha orde dirixida ao ou á seguinte: pinta en verde, escribe unha palabra fermosa, debuxa con teas… Así, poderemos escribir, debuxar, pintar ou compoñer con diferentes materiais a partir dunha instrución breve e sinxela.
As intervencións iranse ocultando sucesivamente, de xeito que, cantas máis mans participen, máis grande e diverso será o cadáver exquisito.
PERSOAS DESTINATARIAS
Os talleres están dirixidos a todos os públicos.
COMO PARTICIPAR
As actividades son de balde e non precisan inscrición previa. As persoas interesadas só teñen que acudir ao espazo indicado para cada un dos talleres no horario establecido.
