TALLERES PARA FAMILIAS. A-B-CONTEMPORÁNEO.

18 Xuño 2016 - 18 Decembro 2016
A artista Rebeca Mariño propón un ciclo de talleres de experimentación artística dirixido a familias con nenos e nenas de idades comprendidas entre os 4 e os 9 anos. Un momento para descubrir, crear e gozar en familia arredor da arte contemporánea. Este primeiro ciclo, que terá lugar a terceira fin de semana de cada mes, terá como obxectivo a procura da cor máis alá da propia pintura.
A cor contemporánea precipítase do bastidor para encher cada recuncho das nosas vidas. Busca novas situacións para deixarse ver entre a luz e a cotidianidade, desvinculándose da pintura como tal e atendendo á plasticidade que ofrece a cor noutros obxectos e materiais que se deixan transformar en abstractas pinceladas.
As sesións, que estarán dedicadas a diferentes artistas, incluirán unha parte teórica, na que nos mergullaremos nos seus traballos artísticos para explorar a diversidade da linguaxe contemporánea. Posteriormente fomentaremos o xogo e a creatividade e atreverémonos, sen dar pincelada ningunha, a indagar como a cor inunda as obraspartindo de materiais e obxectos do noso contorno.

Folleto da actividade




HORARIO:
sábados e domingos de 11 a 13 h

DESPEGANDO PINCELADAS. FRANK STELLA

Días 18 e 19 de xuño
Sábado 18, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 19, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazas: 10 nenos/as máis 2 acompañantes máximo

Nesta primeira sesión coñeceremos o artista estadounidense FrankStella, que nos conducirá polas súas paralelas a un mundo no que a cor salta con forza dos muros. Na parte práctica do taller xogaremos con cintas adhesivas dediversas cores e outros materiais para dar forma a lenzos irregulares.


FIANDO CORES. ROSEMARIE TROCKEL
Días 17 e 18 de setembro
Sábado 17, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 18, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazas: 10 nenos/as mais 2 acompañantes máximo
Rosemarie Trockel ten como segundo nome La. A súa linguaxe feminista tece as nocións da súa identidade como muller. Bordaremos a través dos tecidos e fiaremos explorando estes materiais pincelada a pincelada. Coser, envolver, trazar… estas e outras serán as pautas que seguiremos tras coñecer o traballo artístico de Rosemarie na parte máis procesual do taller, creando formas e novas pezas a través do fío como guía.

NATURAL. NILS UDO
Días 15 e 16 de outubro
Sábado 15, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 16, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazas: 10 nenos/as mais 2 acompañantes máximo
Nils Udo observa a natureza e transfórmaa nun efémero lenzo.
Recoñecido polas súas obras de Land Art, traballa diferentes disciplinas para levar a cabo a súa obra: fotografía, debuxo, pintura, escultura... e toma prestado da natureza o seu material básico para a creación. Nesta proposta formaremos parte da chegada do outono
xogando cos elementos e coas cores que nos ofrece a paisaxe para lles dar forma ás nosas pezas.

PUNTO OBXECTO. JESSICA STOCKHOLDER
Días 19 e 20 de novembro
Sábado 19, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 20, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazas: 10 nenos/as mais 2 acompañantes máximo
O xeito no que Jessica Stockholder interpreta os obxectos é un selo distintivo da creación con asociacións que se mesturan entre o identificable e o abstracto. Ensamblando obxectos de diferente natureza e procedencia logra crear unha orde entre o aparentemente caótico e inconexo. Os obxectos esquecidos poden ter unha segunda vida. Rebuscaremos entre os nosos vellos trastes para trocalos en creacións abstractas organizando e trazando as súas cores.

RE-CREANDO. VIK MUNIZ
Días 17 e 18 de decembro
Sábado 17, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 18, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazas: 10 nenos/as mais 2 acompañantes máximo
Reutilizar, reusar, reciclar son palabras que chegaron ás nosas vidas para quedar. Vik Muniz adoita apropiarse doutras imaxes para reinterpretalas con materiais diversos, desde comestibles até pequenos xoguetes. Nesta sesión tomaremos como punto de partida a colaxe e todo tipo de materiais para construír unha nova imaxe.

INSCRICIÓN: Os talleres son gratuítos e para participar é necesario escribir a cgac.educacion@xunta.es indicando o título da actividade na que desexan inscribirse, os nomes dos participantes, as súas idades, un teléfono de contacto e un correo electrónico. Só serán admitidas as persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá un correo electrónico de confirmación.

DIRECCIÓN: Rebeca Mariño

COORDINACIÓN: Virginia Villar