THAT’S ENTERTAINMENT. Curso en liña de moda e cinema
A sétima arte e a moda viviron, desde as súas orixes, en constante e sorprendente interacción. Xa en 1931, Coco Chanel sentenciaba: “É mediante o cinema que hoxe pode impoñerse a moda”. As películas, por tanto, serviron para a construción de tendencias e iconas fashion, pero tamén nos permitiron indagar, en cada momento, acerca de ideas como a modernidade, os estereotipos de xénero ou o sex appeal.
Mulleres como Katherine Hepburn, Marlene Dietrich ou Marilyn Monroe fan posible, máis alá da mitomanía, explorar a sociedade da súa época e abordar temas como a evolución do papel social da muller ou a importancia dos movementos de emancipación que, inevitablemente, atopan o seu espello tanto na gran pantalla coma nas pasarelas de moda.
A creación do vestiario e das películas precisa da participación de profesionais da dirección, da actuación, da costura e do deseño. Todos estes traballadores e traballadoras da industria do cinema contribuíron a articular unha estética que se trasladou á vida cotiá e que foi obxecto de admiración e emulación ata o día de hoxe por parte das persoas de a pé.
Pode alguén abstraerse da imaxe asociada ao encanto de Audrey Hepburn, ao glamour de Gloria Swanson, ao erotismo de Marilyn Monroe ou á fortaleza de Joan Crawford? Rotundamente, non. Foi a moda un elemento fundamental na construción de todas estas calidades icónicas? Evidentemente, si.
As grandes estrelas perfílanse nos fotogramas do cinema a través dos grandes estilismos, que identifican singularmente diversos arquetipos de muller que foron, son e serán inmortais. No presente curso, imos revisalos.
PROGRAMA
26 FEBREIRO
Construcións da feminidade: de Clara Bow a Gloria Swanson
27 FEBREIRO
Mulleres no altar da moda: Davis, Dietrich, Crawford…
5 MARZO
Sexo e guerras: Hepburn, Hayworth
6 MARZO
Amas de casa, mozas gacela e sex appeal: Doris Day, Audrey Hepburn, Marilyn Monroe
13 MARZO
Ser ou non ser... loura: a hora de Alfred Hitchcock
BLANCA PAULA RODRÍGUEZ GARABATOS (Santiago de Compostela, 1973) é catedrática en Xeografía e Historia, investigadora e docente. Licenciouse en Dereito e en Historia, na especialidade de Historia Contemporánea e Estudos Americanos, pola Universidade de Santiago de Compostela, e é doutora en Estudos Literarios pola Universidade da Coruña, cunha tese titulada “Moda de la belle époque e indumentaria en la obra de Emilia Pardo Bazán”. Impartiu conferencias sobre moda en diferentes seminarios da UDC e participou na Fashion and Design Conference, organizada en 2020 pola Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) en Pontevedra. Dirixiu os cursos Vestindo a época. A moda, a oitava arte (2021), Feminino plural: catro evanxelistas da moda na arte contemporánea (2022) e Diálogos Avant Garde (2024), organizados polo CGAC. Ademais, é autora dos libros Emilia Pardo Bazán y la moda e Emilia Pardo Bazán: visiones del dandismo, publicados ambos por Hércules Ediciones. En 2023 recibiu o XIV Premio Manuel Murguía de ensaio por un texto titulado Catro exemplos da arte dexenerada galega fóra da España saudable. Colabora de maneira habitual coas revistas de cinema Versión original e Icónica e é autora de diversos artigos sobre as relacións entre a moda, a literatura e a arte en publicacións como Tropelías, Boletín galego de literatura, DeSignis, Cuadernos hispanoamericanos ou La tribuna.
PERSOAS DESTINATARIAS
Persoas interesadas na historia da moda e na historia do cinema
INSCRICIÓN
O prazo de inscrición está aberto desde o 14 de xaneiro ata o 24 de febreiro de 2025. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal, onde deberán indicar o seu nome e apelidos, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.
Unha vez que se acepte a solicitude, as persoas rexistradas recibirán información sobre como deben realizar o pago e sobre como poden conectarse ás sesións en liña.
CERTIFICACIÓN
O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento do curso a todas aquelas persoas que participen, como mínimo, no 70 % das sesións.
