Carrusel de imaxes de exposición

Pausa
  • 0
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
  • 6
  • 7
  • 8
  • 9
  • 10

AFRO MODERN: JOURNEYS THROUGH THE BLACK ATLANTIC

16 Xullo 2010 - 10 Outubro 2010
Comisariado:
Tanya Barson e Peter Gorschlüter
Artistas:
Varios

En 1993 Paul Gilroy acuñou a expresión o Atlántico Negro para describir a fusión das culturas negras con outras orixinarias do Atlántico. O seu libro tivo unha enorme repercusión na maneira de percibir e abordar a cultura negra no eido dos estudos culturais, e xerou unha serie de debates críticos que aínda hoxe permanecen vixentes. Afro Modern: Journeys through the Black Atlantic recolle este concepto do océano Atlántico como un continente en negativo —unha rede de culturas veciñas e entrelazadas que se estenden por África, América do Norte e do Sur, o Caribe e Europa— e traza os camiños, reais e imaxinarios, seguidos polos artistas a través do Atlántico dende 1909 ata os nosos días. A exposición organízase en capítulos cronolóxicos que abranguen dende os movementos de vangarda de principios do século XX, tales coma o Harlem Renaissance (o Renacemento de Harlem), deica as polémicas actuais arredor da arte da post-negritude. Con ela dáse paso a unha interpretación transatlántica e alternativa do modernismo e da súa influencia sobre a cultura contemporánea para unha nova xeración, á vez que se presenta a obra dun amplo elenco de artistas de forma xustaposta. Afro Modern: Journeys through the Black Atlantic mostra os traballos de múltiples artistas, entre os que se atopan Romare Bearden, Constantin Brancusi, Edward Burricana, Renee Cox, Aaron Douglas, Walker Evans, Ellen Gallagher, David Hammons, Isaac Julien, Wifredo Lam, Jacob Lawrence, Norman Lewis, Glenn Ligon, Ronald Moody, Wangechi Mutu, Pablo Picasso, Keith Piper, Tracey Rose e Kara Walker.