ANNA MARIA MAIOLINO
A mostra, comisariada por Helena Tatay, realiza un percorrido polos cincuenta anos de traxectoria profesional desta artista, e inclúe debuxos, fotografías, películas, esculturas e instalacións, así como unha serie de creacións efémeras en barro que a artista concibiu con motivo desta mostra e que estivo levando a cabo nas salas do museo durante os días previos á inauguración. Esta instalación, titulada Unha vez máis, realizouse a partir de 6.000 kg de barro sen cocer que se irán deteriorando durante o transcurso da exposición. Na realización destas esculturas efémeras, a artista contou coa colaboración de estudantes de escultura da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo e de ceramistas profesionais.
Anna Maria Maiolino é unha artista multidisciplinar, cuxo traballo abrangue distintas técnicas artísticas e unha gran diversidade de temas e intereses. Desenvolve o seu traballo artístico a partir de dicotomías (dentro-fóra, positivo-negativo, ausencia-presenza, etc.), que, non obstante, concibe como elementos intrinsecamente relacionados entre os que debe establecerse forzosamente un movemento, un tránsito. O conxunto da súa obra pivota, en certo modo, sobre a idea de transformación.
