Carrusel de imaxes de exposición

Pausa
  • 0
  • 1

COLECTIVA DUN COLECTIVO

21 Xuño 2019 - 01 Setembro 2019
Comisariado:
Colectivo Na Varanda
Artistas:
Varios

Colectiva dun colectivo é o resultado do proxecto Na varanda, un programa educativo e de creación cuxo obxectivo é o encontro, o diálogo e o achegamento entre o museo e a veciñanza de Santiago de Compostela. A cidadanía eríxese así nun axente máis dos procesos culturais da súa contorna creando contidos que xa forman parte da programación CGAC.

Esta mostra parte dunha selección de obras da Colección CGAC elixidas polo colectivo Na Varanda e artéllase arredor de dous conceptos: o espello e a diferenza. Na cerna mesma do colectivo está a diferenza, xa que está formado por persoas procedentes de ámbitos laborais diversos, non especializadas no mundo da arte, que imprimen unha visión peculiar sobre aquilo que as pezas artísticas poden reflectir. Cada unha de nós implica unha forma de ver, confrontando e compartindo olladas (re)inventamos o noso propio xeito de ver e de mirar.

Nun mundo en continua transformación temos que tomar partido por algún dos múltiples e fragmentados reflexos que fan que nos movamos sen mapa no labirinto. A diferenza, como transmisora da tensión xerada entre a esencia irracional do ser humano e as súas pautas sociais, chéganos a través de distintos soportes (medios de comunicación, publicidade, arte, redes sociais...), por ser un espello/reflexo da complicidade irónica co sistema. A percepción das pezas desde puntos de vista diferentes modifica tanto o obxecto artístico como o proceso de creación en por si. Nós, como colectivo e como público, formamos parte dunha sociedade cunha serie de normas e a arte abre a visión das nosas realidades subxectivas e efémeras.

O espello como obxecto mediador do (auto)coñecemento permítenos vérmonos como individuos e, así mesmo, ver e sentir as distintas visións da realidade. Semella complexo harmonizar tan diferentes reflexos dun mesmo. Preguntámonos se eses reflexos son a realidade ou unha realidade diferente, ilusoria e paralela. O mundo das imaxes reflectidas fala de nós, coma se estas nos devolvesen interrogantes.

Comisarias: colectivo Na Varanda

Dirección do proxecto: Candela Rajal e Rebeca Mariño

Coordinación: Virginia Villar