EN CONSTRUCIÓN
As estreitas relacións entre arte e arquitectura ao longo do século XX converteron a idea de construción nunha clave imprescindible para comprender a nosa relación co espazo, a paisaxe e a casa, pero sobre todo coa vivencia práctica do obxecto artístico.
O propio acto creativo xorde do que podemos definir como un impulso construtivo. A idea de construción vincúlase á arquitectura, pero tamén moi estreitamente á escultura, á pintura e ao debuxo así como a unha certa concepción do obxecto como deseño e moi particularmente á instalación.
Esta exposición propón un acercamento á idea de construción a partir da obra de artistas moi dispares que non obstante comparten un interese pola análise e as metodoloxías propias da construción. Así mesmo, con motivo da celebración do 25.º aniversario do museo, deseñado polo arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira e inaugurado en 1993, este proxecto pon de relevo a función que como espazo de diálogo desempeñou o edificio do CGAC.
