Carrusel de imaxes de exposición

Pausa
  • 0
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4

FRANCESC TORRES. CREBAS

21 Febreiro 2020 - 10 Xaneiro 2021
Primeira planta e Dobre Espazo
Comisariado:
Rocío Figueroa Guisande
AUDIO DA CONFERENCIA
Audio encontro co público: Francesc Torres, Rocío Figueroa e Santiago Olmo

Francesc Torres (Barcelona, 1948) é amplamente recoñecido como un dos referentes históricos da instalación multimedia, membro da primeira xeración de instaladores xurdida no contexto artístico norteamericano na primeira metade dos anos setenta. A súa experiencia vital e artística levoulle vivir a medio camiño entre Barcelona e Nova York, e nos últimos vinte anos estableceu un forte vínculo con Galicia, pasando varias tempadas na Costa da Morte.

Torres analiza de forma tenaz os acontecementos máis destacados do convulso século XX e as súas repercusións na actualidade. O seu traballo tradúcese en hábil exercicio poético e abafadora reflexión crítica da sociedade contemporánea, plasmados ao longo de cinco décadas de intensa produción artística.

Crebas é un termo propio do léxico da Costa da Morte, que designa todos aqueles obxectos que as mareas depositan na ribeira, a consecuencia dun naufraxio ou outras circunstancias. Baixo este título, a exposición mostra unha selección de pezas datadas entre 1976 e 2019, que sintetizan a esencia da obra de Torres. É unha nova oportunidade de reler o seu traballo desde outras perspectivas, observando os vínculos existentes entre as diferentes etapas da súa traxectoria artística, que explora aspectos de carácter histórico, filosófico, político e antropolóxico, expresados a través de múltiples medios como a instalación, a fotografía, o debuxo ou a escultura. Aquí preséntanse unha serie de obras inéditas directamente relacionadas con Galicia, que enlazan coas súas primeiras pezas conceptuais dos anos setenta, articuladas en perfecto diálogo con obras posteriores, moi particularmente instalacións multimedia, concibidas como un dispositivo de narración complexo, con frecuencia resultado dun exhaustivo proceso de investigación.

Especialmente destacable é unha das súas pezas históricas Construction of the Matrix, presentada na Bienal de Venecia de 1976, ou La campana hermética espacio para una antropología intransferible, unha monumental instalación a modo de Wunderkammer ou gabinete de marabillas, revelada aquí como xénese e sustento de toda unha vida de creación. Miles de obxectos de enorme carga simbólica que, do mesmo xeito que as crebas, testemuñan vivencias persoais, sucesos históricos e reiteracións da memoria.

No traballo de Francesc Torres subxace, ademais, un acto reflexivo do seu papel como artista e defende que a arte é, ante todo, un patrón de comportamento da especie humana como forma de aprehender o mundo e a súa propia existencia, unha acción que lle dá sentido. Deste xeito, a práctica da arte non se entende tanto como unha profesión senón como unha necesidade radical, primaria. Este sentir de Torres, acentuado baixo o influxo do finis terrae galego que dá pé a esta exposición, xustifica as súas palabras: “Fronte ao mar non hai carreira, non hai mercado, non hai profesión no sentido clásico do termo, só hai pulsión e resposta ante o feito de estar vivo”.