Carrusel de imaxes de exposición

Marta Rosler
Sol Lewitt
JOHN_BALDESSARI
Joseph_Kosuth_Claro
Pausa
  • 0
  • 1
  • 2
  • 3

IMPLOSIÓN: ARTE CONCEPTUAL NA COLECCIÓN CGAC (1965-1975)

29 Setembro 2023 - 14 Xaneiro 2024
Planta primeira
Comisariado:
Pedro de Llano Neira

No período comprendido entre 1965 e 1975, a arte conceptual supuxo un cambio de paradigma inédito ata entón na historia da arte. Pasouse dunha arte concibida como obxecto autónomo a outro modelo no que se puña en cuestión esa autonomía e se favorecía o procesual. O mundo da pintura e da escultura transformouse nunha realidade plural onde os artistas facían performances, textos, intervencións no espazo público e na natureza etc.

O núcleo da arte conceptual no CGAC afírmase tanto a través da presenza dunha serie de obras na súa colección permanente, como a partir da historia expositiva e editorial da institución, na que houbo mostras regulares —cos seus correspondentes catálogos— dedicadas a estes artistas desde a súa inauguración en 1993. A modo de exemplo, pensemos na énfase que durante os primeiros anos se lle deu ao traballo de artistas como Vito Acconci (1996), Dan Graham e Ana Mendieta (1997) ou Marcel Broodthaers (1998) e, por suposto, en iniciativas de etapas posteriores como a exposición A mancha humana (2009), a mostra individual de Bas Jan Ader (2010) ou, máis recentemente, as dedicadas a David Lamelas e Hamish Fulton (ambas as dúas en 2021).

O proxecto Implosión: arte conceptual na Colección CGAC (1965-1975) toma precisamente como punto de partida dúas destas exposicións: a colectiva A mancha humana, onde a obra de Joseph Kosuth tivo especial relevancia e a individual sobre Bas Jan Ader In Search of the Miraculous: trinta anos despois. O propósito do comisario é elaborar unha exposición que constitúa un caso de estudo e, ao mesmo tempo, unha narrativa situada (en Galicia) arredor da arte conceptual, unha narrativa que pertenza ao CGAC, que enriqueza o seu patrimonio e que lle confira unha identidade orixinal e diferenciada —algo que xa se vén reclamando desde as orixes da institución— non só no panorama ibérico, senón tamén no internacional.