Carrusel de imaxes de exposición

6_MEDIA_LAMAZARES_CGAC_BELMONTE_SOT.jpg
Obra de Lamazares

LAMAZARES. INDA É DÍA

23 Febreiro 2024 - 05 Maio 2024
Hall, planta baixa, primeira planta, Dobre Espazo e soto
Comisariado:
António Gonçalves

A visión máis completa e abranguente da obra dun artista tórnase posible cando temos ocasión de examinar a súa produción artística ao longo da súa carreira. Unha oportunidade de viaxar no tempo, tendo como horizonte as obras froito do traballo e da entrega ao singular exercicio do querer mostrar. Unha revelación cuxos resultados están depositados nesas obras que se foron afirmando na plenitude do tempo.

Acceder á obra de Antón Lamazares (Maceira, Lalín, Pontevedra, 1954) co designio de albiscar cincuenta anos de dedicación, investigación, estudo e desenvolvemento dun traballo é un momento moi especial, porque nos permite achegarnos á obra dunha das figuras máis senlleiras no contexto artístico de Galicia, de España, e en constante relación co mundo. A súa ávida curiosidade fixo que diferentes xeografías lle servisen para aliñar intencións e propósitos que axudaron a conformar a súa obra.

Revisitar é redescubrir, é volver ao principio, iluminar de novo e facer resplandecer o propósito que animou o primeiro momento. As capas do tempo súmanse ás obras e explícanas, ofrecéndonos unha observación renovada que permite unha valoración máis depurada.

Esta exposición é un acontecemento que, sen dúbida, vai propiciar unha apreciación actualizada da orixinalidade da obra de Antón Lamazares. Achegarse ao seu traballo é experimentar o silencio, formar parte dunha constelación marabillosa que nos brinda estados de contemplación e intensifica o gozo. O seu Alfabeto Delfín encerra unha clarividencia, unha audaz contribución que nos convoca á proximidade das formas puras, do debuxo que sustenta a palabra, do rexistro que se consolida en materia e nos devolve gozo. O encontro que se nos permite co excelso provén da prerrogativa de poder convivir, gozar e contemplar a obra de Lamazares, que é o resultado da sabedoría e a grandeza de saber rescatar a humildade, a sinxeleza, o vigor, a coraxe, o corazón, o amor, a morte, a plenitude... nun universo de verdade e silencio.